O portavoz de Agricultura e Gandaría do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) formulou unha pregunta ao goberno sobre o futuro das pequenas e medianas explotacións agrícolas e gandeiras, de carácter familiar no polígono agroforestal en Teixeiro, no concello de Curtis.
Na súa intervención, Rivas trasladou á directora Xeral da Axencia de Desenvolvemento Rural, Inés Santé Rivera a preocupación do sector ante o proxecto, posta en marcha e función do polígono ante a coincidencia do PXON, a modificación do PXON, a concentración parcelaria da parroquia de Fisteus e o polígono agroforestal de Teixeiro e preguntou polas razóns do irregular proceso de xestación do polígono. “Faise unha reunión informativa no inicio e repártese un papel de aceptación para que os que estean de acordo o leven asinado ó concello. A partir de aí so eses vinte poucos de 53 son convocados ás reunións posteriores”. Por outra parte, dixo, estamos ante unha zona cunha forte gandería e os afectados precisan saber con que superficie agraria vai contar.
Xosé Luís Rivas recalcou que en Galiza a cuestión “non é gobernar parcelas, é gobernar o País” porque continuamos cun exiguo 22% de superficie agraria e nun País coma o noso “isto é moi grave”.
Esta situación, dixo, fai que dependamos de Ucraína e que paguemos o salvado de trigo a 18 euros o saco de 30 quilos, e xa non digamos o resto dos insumos, unha circunstancia que pon en risco a continuidade do sector agrario e gandeiro, “un porque non produce e outro porque carece de base territorial”.
Tras a intervención de Santé Rivera que anunciou un 68% de terra agropecuaria no mapa de usos da terra do proxecto do Polígono de Santaia-Foxado, o nacionalista mostrou a súa satisfacción e preguntou si tamén está previsto “elaborar lotes para novas incorporacións” e aumentar así a actividade agrogandeira, a poboación e o dinamismo do rural.
O polígono agroforestal de Teixeiro-Curtis debe abastecer de base territorial ás 53 explotacións existentes e aumentar en catro, cinco ou dez novas incorporación de pequenas explotacións sustentables.
Xosé Rivas concluíu a súa intervención denunciando a intención nalgúns concellos para modificar o uso agropecuario do solo e pasalo a rústico de protección ordinaria co fin de dar cobertura legal ás plantacións ilegais existentes aínda que na súa orixe fose de vocación agrogandeira ou durante anos o terreo fora un ceboleiro. Con este proceder, dixo o nacionalista están pasando impulsando que os terreos rústicos en abandono sexan considerados como montes ou terreos forestais tras recoñecerlles esta condición e isto, “estase aprobando” e “baixo corda” en detrimento dos usos agrarios.