O deputado do BNG, Xosé luís Rivas defendeu na Comisión de Agricultura “un plan de xestión” consensuado e coa implicación de gandeiros, produtores e medioambientalistas para resolver os graves danos producidos polo incremento da poboación do xabaril. O deputado lamentou o voto en contra do Partido popular á iniciativa nacionalista.
Na súa intervención, Xosé Luís Rivas cuestionou que “as batidas” sexan o método de control máis axeitado xa que está demostrado, dixo, que tras elas prodúcense un gran número de accidentes nas estradas polo cochos bravos.
O deputado do BNG explicou que o xabaril non fai distingos entre cultivos de autoconsumo, forraxeiros, ou industriais. “Alí onde entra fai das súas para desespero de agricultores e mesmo gandeiros por ser vector de transmisión de pestes e enfermidades coma a PPA ou a tuberculose”. A súa abundancia fai que os danos ocasionados non sexan meras incidencias anecdóticas e si danos considerables e moitas veces de maneira continuada.
Xosé Luis Rivas criticou que a Xunta puxera en marcha un teléfono para recoller as incidencias producidas polo xabaril que en realidade, “ é unha gravación” que moitas veces non permite transmitir os danos.” Cando unha persoa a quen o cocho bravo acaba de estragar un cultivo, chama ó 012, se ten a sorte de ser atendido, como demostra ser o dono do cultivo en cuestión? E que pasa se a terra onde o seu cultivo sufre danos da e non é o seu propietario porque foi cedida por un veciño? Nese caso, preguntou, quen ten dereito a recibir axuda?
Por outra parte, no caso dunha empresa que ten un cultivo danado polo animal e que se trata dun arrendamento de palabra, como se fai? E de tratarse dunha empresa con compromisos de entrega á distribución ou á industria que debe facer, pechar?
A xuízo do nacionalista, existe unha realidade que o goberno non contempla, “agás na propaganda electoral cando toca pasarlle a mao polo lombo á envellecida poboación do noso rural”. A realidade dunha persoa envellecida cun móbil na mao enfrontado a unha máquina falante que non razoa. Pero para o Partido popular, “se non hai avisos non hai problema”.
Rivas indicou que urxe elaborar “un censo” da especie e poñer en marcha o Plan de Xestión do Xabaril “prometido, encargado e con recursos económicos varias veces” sen embargo, “nada se sabe del” e continuamos cunha política de actividade cinexética “deportiva” e a “clandestina” de escopeta e lazo, como nos vellos tempos.
“Os accidentes de tráfico, danos persoais e materiais, inseguridade viaria, sanitaria, a alteración do equilibrio medioambiental, cuantiosos danos á agricultura e o medre poboacional deducido da presenza física das piaras mesmo nos arrabaldos das cidades e vilas, dan conta dun “serio problema que o goberno galego obvia ollando para outro lado”.
Xosé Luís Rivas lamentou que, unha vez máis, o Partido popular vetara a proposta do BNG e persista nunha política errática rexeitando un Plan de xestión do xabaril coa intervención dos sectores afectados, un censo da poboación da especie, axudas inmediatas polos danos” e buscar alternativas ás batidas indiscriminadas.