A portavoz nacional, Ana Pontón, realizou unha visita ao concello de Samos onde mantivo un encontro co goberno municipal liderado pola alcaldesa María Jesús López, para coñecer de primeira man as cuestións que máis preocupan neste municipio, entre elas o financiamento dos servizos públicos, como por exemplo o relativo ás vivendas comunitarias.
Neste sentido, Pontón avanzou que o BNG demanda unha maior implicación económica da Xunta na financiación das vivendas comunitarias e do apartamento tutelado de Samos, tendo en conta que a día de hoxe o concello vese obrigado a cubrir unha parte dos gastos con orzamentos municipais para compensar a insuficiente aportación do Goberno de Rueda pese a que o dereito a vivenda excede o ámbito local.
Facilitar o dereito esencial á vivenda é responsabilidade da Xunta, alegou a líder nacionalista, máxime no caso daquelas persoas que teñen algún tipo de necesidade especial. Samos conta con dúas vivendas comunitarias para a terceira idade e un apartamento tutelado situados no mesmo edificio, no que comparten servizos comúns como comedor, sala de estar, lavandaría, persoal e gastos.
Pontón referiuse a estas vivendas como “caso paradigmático” dos problemas financeiros que soportan os concellos, que moitas veces teñen que asumir o custe de servicios que non son da súa competencia. “Os concellos galegos están infrafinanciados e aínda por riba, en moitos casos, asumen competencias que lle corresponden á Xunta para darlle á veciñanza servizos que melloren o seu nivel de vida”, expuxo a líder do Bloque, tras denunciar a “discriminación” financeira que sofren os concellos do rural, sobre todo os máis pequenos.
O das vivendas comunitarias non é o único servizo do que o concello de Samos asume un coste de xestión que non lle corresponde, tamén se fai cargo de sufragar os gastos de limpeza, mantemento corrente do ascensor e da caldeira do centro escolar, pese a tratarse dun servizo educativo competencia da Xunta.
O mesmo pasa á hora de correr cos gastos de contratación dun técnico de turismo, ao que Samos está obrigado dada a súa consideración de concello turístico, un gasto extra do que o Executivo do PP se despreocupa pese a ter competencias en turismo pero leva anos sen ningún tipo de axuda ou subvención aos municipios para costear este persoal.
Pola súa parte a alcaldesa destacou que a Xunta “é especialista en botar balóns fora cargando de responsabilidades aos concellos sen dotalos do financiamento suficiente, cárganos con gastos que non nos corresponden como sucede co SAF (servizo de atención no fogar), para o que non recibimos o 100% do que custa sendo ademais o concello o que ten que facer a xestión”, explicou durante a visita da portavoz nacional do BNG, a quen trasladou todas estas cuestións que preocupan ao goberno local en relación a xestión do concello de Samos.