O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama que se axilice a anunciada ampliación das bonificacións concedidas ás persoas usuarias para as viaxes recorrentes en Cercanías e Media Distancia para 2023. Antes do último Consello de Ministros, a frente nacionalista demanda a mellora dos servizos ferroviarios para o vindeiro ano a través da fixación de horarios máis adaptados ao horario laboral e escolar, así como o aumento das frecuencias, a mellora dos controis e solucionar a falta de revisores que dificulta o uso dos abonos. A organización nacionalista demanda para 2023 unha aposta decidida para a promoción do transporte colectivo, máis eficiente e sustentábel, frente a situación de crise xerada pola suba de prezos.
O Goberno do Estado anunciou a prórroga da medida de abonos gratuítos para 2023 mais, a pesar desta comunicación, a operadora ferroviaria aínda non abriu as canles para a súa adquisición. De abrirse após o Consello de Ministros que se celebrará esta terceira feira, 27 de decembro, as canles estabelecidas –máquinas, despachos de billetes nas estacións ou vía web- poderán sufrir un colapso durante os primeiros días provocando que moitas persoas usuarias comecen 2023 sen o seu abono.
“Cabe destacar que, estes días, con tanta poboación desprazada por vacacións polas festas de Nadal, a plataforma para a adquisición do bono máis empregada será a páxina web, mais a expectativa non é boa” destaca o deputado do BNG. Neste sentido, a organización nacionalista reclama axilizar o procedemento para a adquisición dos bonos e aumentar o persoal das estacións de ferrocarril destinado nos despachos de billetes para “garantir que todas as persoas usuarias que queiran adquirir nos vindeiros días o abonamento poida facelo antes da entrada do ano”.
O deputado nacionalista critica o retraso á hora de abrir as canles para a adquisición dos abonamentos posto que o anunciou da ampliación das bonificacións se realizou no mes de outubro e, a cinco días de rematar decembro, aínda non están dispoñíbeis. “O Goberno vive na improvisación e non contempla o colapso que se pode producir cando se habiliten os espazos para a venta dos abonamentos. Entre setembro e decembro de 2022, foron máis de 2,3 millóns persoas as que adquiriron un bono. Non se entende que, se agarde até o último momento para habilitar as canles de venda ou renovación” denuncia.
Así mesmo, o Bloque Nacionalista Galego demanda incorporar máis persoal para o control das viaxes ante a falta de revisores que denuncian as diferentes plataformas de persoas usuarias do servizo. “Para este 2023, o Goberno do Estado debe impulsar ao máximo o fomento deste tipo de transporte público colectivo para garantir a mobilidade das persoas a través dun medio de transporte seguro, eficiente e sustentábel. Tamén nun momento de crise económica e social ante a suba descontrolada dos prezos” destaca Rego.
“Esta mellora dos servizos ferroviarios deberá materializarse adaptando os horarios das viaxes ao horario laboral e estudantil, ao aumento das frecuencias para que máis persoas poidan empregalo, en detrimento do vehículo privado” finda.