BNG defendeu no Parlamento galego unha proposición non de lei para instar á Xunta a mudar as súas políticas de emprego e rachar así coa temporalidade e a precariedade na contratación, poñer en marcha plans específicos de emprego feminino e para a mocidade e incrementar de inmediato en 100 euros o complemento autonómico ás pensións non contributivas.
A iniciativa do Bloque, que tamén recollía demandar do Goberno estatal o incremento tanto do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) como das pensións máis baixas ata o 60% do soldo medio actual, foi vetada polo PP, pese aos argumentos esgrimidos polo deputado nacionalista Mon Fernández, quen considerou urxente a rectificación das políticas de emprego do Executivo do PP que en 13 anos non fixo máis que agudizar as eivas estruturais do mercado de traballo en Galiza.
Neste sentido, Fernández apuntou á perda de poboación activa e de peso dos sectores primarios e industrial e a un aumento do sector servizos, moi feminizado, caracterizado pola parcialidade dos contratos e polos baixos salarios. A isto sumou o descenso da taxa de actividade e de ocupación en todos os tramos de idade inferiores aos 45 anos e a unha poboación activa feminina que descendeu o dobre que a dos homes na comparativa entre os anos 2021 e 2019. “Dos máis de 10.000 postos de traballo que se perderon entre 2021 e 2019, o 73% corresponde a mulleres”, recalcou.
De igual xeito, advertiu que tampouco é mellor a situación das galegas e galegos pensionistas, coa terceira pensión media máis baixa do Estado, só por diante de Estremadura e Castela-A Mancha. “O 33% das e dos pensionistas viven no noso País con menos de 649 euros ao mes, mentres medran un 35% as e os beneficiarios de pensións máis baixas, con 61.000 persoas percibindo 324 euros mensuais”, reprobou, para engadir a continuación que máis da cuarta parte da poboación galega estaba xa en 2020 en risco de pobreza ou exclusión social, segundo o informe da EAPN-Galiza.
“Precariedade no mercado laboral, con especial afectación a mulleres e persoas mozas, e salarios e pensións das máis baixas do Estado significa que ter un traballo ou percibir unha pensión non te libra de atoparte en risco de pobreza ou exclusión social”, sintetizou o deputado nacionalista, quen concluíu que os datos demostran que as políticas de emprego implementadas pola Xunta nos últimos 13 anos non foron efectivas e non solucionaron os problemas estruturais do mercado de traballo, polo que urxe “adoptar medidas inmediatas, reais e efectivas, non efectistas”, como fai o Goberno do PP.