BNG propuxo no Parlamento galego que a Xunta incremente as axudas ao alugueiro destinadas á mocidade e crear unha Bolsa de Vivenda para Estudantes, en colaboración coas institucións necesarias, como as universidades, que permita ás e aos estudantes desprazados das súas localidades accederen a vivendas en réxime de alugueiro a prezos accesíbeis e con condicións de habitabilidade dignas.
“A política dun Goberno galego que crea neste país debería ser unha política que garanta unha vivenda digna para a mocidade, un cambio de modelo na política de vivenda, crear máis vivenda pública e ser quen de xestionar con criterios sociais a inmensa cantidade de vivenda baleira que temos neste país”, reclamou o portavoz nacionalista de Mocidade, Paulo Ríos, nunha proposición non de lei na comisión parlamentaria de Ordenación Territorial e Obras Públicas.
Por iso, considerou necesario, “no curto prazo”, incrementar as axudas ao alugueiro de vivendas para a mocidade e tamén impulsar a posibilidade de ofrecer unha vivenda digna, “na que non caian os teitos, para as estudantes deste país, chegando a acordos e colaborando coas institucións necesarias, como son as universidades”. Neste sentido, recordou a campaña realizada por Galiza Nova para que a mocidade galega compartise as condicións nas que se atopaban as súas vivendas e, segundo denunciou, “o panorama é desolador”.
Logo de enumerar distintos ámbitos nos que a xente nova foi un dos colectivos máis golpeados pola pandemia e que a sitúa nunha situación de “total emerxencia” dadas as políticas desenvolvidas polo PP no Goberno galego, que a aboca á precarización e á “emigración forzada” e onde o 64% de mozos e mozas aínda ten que vivir cos seus pais, (segundo os datos do IGE, que sitúan a taxa de emancipación galega á cola do Estado), Ríos incidiu na súa iniciativa no retroceso no acceso á vivenda.
“Os prezos de vivenda en alugueiro sufriron un incremento moi substancial nos últimos anos que ten a súa orixe na especulación urbanística derivada da crise de 2008; mentres nesa época especulábase coa construción da vivenda, hoxe en día faise coa vivenda xa construída”, explicou, para a continuación subliñar que “non hai que ser moi espabilado para entender que se cada vez se precariza máis o emprego e aumentan os prezos dos alugueiros, a emancipación é cada vez máis difícil e, en moitos casos, mesmo imposíbel”.
Neste contexto, reprobou as políticas do Executivo Feixoo en materia de vivenda, limitadas a unhas axudas para o alugueiro “totalmente insuficientes”, e unha “sorte de titulares” que non atacan o núcleo do problema e que en nada ou en pouco axudan a reverter esta situación. “Como pode ser que as políticas estrelas da Xunta sexan as de dar axudas á compra de inmóbeis e actuar como avalistas para a mocidade que queira mercar unha casa ou un piso? En que mundo viven se cren que ese é o problema real que vive a mocidade? Se as mozas e mozos deste país non poden nin alugar unha vivenda, en que momento vai poder mercar unha? Se non sabes nin cando, nin canto, nin onde vas poder traballar, como vas pensar en mercar unha vivenda? Con que salario? Viven vostedes completamente fóra da realidade”, cuestionou con dureza.
Para o deputado nacionalista, o Goberno do PP, “ou ben non coñece a situación na que viven os e as mozas deste País, ou ben non lles interesan as súas problemáticas e está máis cómodo en que a mocidade teña que seguir emigrando” e, ante esta grave situación, avanzou que o BNG presentará emendas aos Orzamentos 2022 para introducir “unha cuantiosa partida que se converta nunha grande aposta polo emprego e pola emancipación xuvenil”.
Nesta mesma liña incidiu na necesidade de que as medidas propostas polo Bloque hoxe sexan acometidas a curto prazo, “porque estamos ante unha necesidade de primeira orde, e mentres se produce un máis que necesario cambio de modelo, é fundamental dar solucións que melloren a vida da mocidade de hoxe, mentres se traballa para a mocidade de mañá”, recalcou.
“Confíen na mocidade deste País e atallen os seus problemas, deixen de secuestrar a participación da mocidade na vida pública e fágana partícipe das solucións, porque os problemas son da mocidade e do presente e o futuro de Galiza e, por iso, tamén ten que ser parte da solución”, concluíu. Pese aos argumentos do deputado nacionalista, a iniciativa non prosperou polo veto do PP, ao que Ríos afeou que o secretario xeral da súa organización xuvenil, sendo deputado, non fose o encargado de debater esta iniciativa e non se tivera pronunciado sobre cuestións fundamentais para a mocidade galega como a precarización e a vivenda para que xs mozxs poidan saber “quen xs representa e quen non”.