O BNG traslada ao Parlamento unha batería de iniciativas para propoñer que a Xunta encargue a realización dun estudo no que se inventarie e documenten todos os bens roubados polo franquismo en Galiza, ao considerar que sobran evidencias “do espolio sistemático perpetrado polo ditador no que constitúe un auténtico latrocinio de bens mobles e inmobles públicos e privados”.
Ademais das iniciativas presentadas ante a Cámara, o portavoz parlamentario en temas de memoria histórica, Luís Bará, tamén traslada esta proposta nunha carta remitida ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.
“Está amplamente documentado que se apropiaron de maneira irregular e ilícita dunha gran cantidade de bens de propiedade pública ou privada que acabaron formando parte do patrimonio do ditador e dos seus herdeiros e, por tanto, constitúe un caso claro de enriquecemento ilícito e de malversación de fondos públicos”, argumenta o deputado nacionalista.
De feito, o Bloque entende que o Pazo de Meirás “é só a punta do iceberg dun gran macro-espolio do que forman parte tamén a Casa Cornide na Coruña; as estatuas de Isaac e Abraham do Mestre Mateo; as pías bautismais do mosteiro de San Xiao de Moraime en Muxía, o Pazo de Bendaña en Dodro, así como obras de arte, cruceiros, escudos, fontes e outros elementos que foron roubados de numerosos pazos galegos”, enumerou o deputado.
Ademais dos bens roubados, o informe que o BNG propón elaborar tamén debe incluír “toda a rede ou trama de homes de palla de dirixentes políticos e empresariais que colaboraron no espolio e recibiron importantes beneficios e prebendas do ditador”, explicou Bará e, obviamente, un detallado inventario de todos os bens mobles e inmobles espoliados, no que figuren datos de procedencia, método de adquisición, valor histórico e cultural así como a situación actual.
Igualmente, ese informe cuxa realización reclama o Bloque debe incluír “a relación de persoas ou entidades lexitimadas para proceder á recuperación dos bens roubados, dándolle todo o apoio, amparo e asesoramento para que podan realizar eses trámites e esa reclamación pola vía oportuna”. En definitiva, explica o deputado nacionalista, “o obxectivo final deste estudo é facilitar que todos as persoas ou entidades lexítimas propietarias recuperen os bens roubados polo franquismo”.
Como indica Bará na carta remitida a Rueda, “o coñecemento da verdade histórica é unha mostra de saúde democrática e de transparencia, e o primeiro paso para que se faga xustiza, se recoñeza o roubo sistemático e a corrupción a grande escala do franquismo, e para que se devolvan ás persoas lexítimas propietarias todos aqueles bens que foron adquiridos e transmitidos de maneira enganosa, ilícita ou fraudulenta”.