BNG propón un plan urxente de recuperación de cultivos ante a crise de prezos e a carestía dos cereais para o agro

Xosé Luís Rivas %22Mini%22
Xosé Luís Rivas "Mini"

Rivas denuncia que só o 4% da superficie agraria está adicada a producir alimentos o que obriga a Galiza a importar alimentos por valor de 4.000 M€

Critica que o Goberno do PP non teñan un plan para afrontar situación de escaseza de insumos e de no mover un dedo ante a forestación ilegal

A parcelaria supuxo un paso adiante na modernización do medio rural, pero o proceso de concentración terminou por resultar ineficaz debido a lentitude da súa execución, “enferruxouse”, sintetizou o portavoz de Medio Rural, Xosé Luís Rivas, con esperas de até vinte anos, unha lentitude que contribuíu ao abandono e despoboación do rural.

Hoxe Galiza apenas conta cun 4% de superficie agraria con cultivo para a alimentación, fronte ao 26% da media estatal, perdendo soberanía alimentaria nun momento en que os prezos están disparados, tanto na cesta da compra como en todo tipo de materias primas para uso agrogandeiro, moi en particular os cereais cos que se alimenta o gando.

“Inmersos nunha situación de dependencia alimentaria, de altos prezos e de escaseza de insumos, temos un superficie en cultivo irrisoria e sometidos á brutalidade do mercado, extorsionados polas multinacionais e polos lobbies”, denuncio Rivas no debate da interpelación ao conselleiro de Medio Rural, que reclamou en nome do BNG unha recuperación urxente de terras abandonadas ou ilegalmente forestadas para destinar a cultivos.

Nun contexto de carestía total, de subida desorbitada do prezo dos alimentos e dos insumos, Rivas preguntoulle ao conselleiro de Medio Rural polo plan específico da Xunta para facer fronte a esta situación: “onde está o seu  plan de emerxencia de recuperación de cultivos”. Para constatar que, pese a escalada inflacionista, o Goberno do PP non conta con ningún plan de actuación para atallar un problema de carestía e de escaseza de terras agrarias destinadas a producir alimentos tanto  para consumo humana como  animal.

O BNG, explicou, aposta por recuperar hectáreas abandonadas ou ilegalmente forestadas para cultivo de alimentos, “fannos falta coma país, coma poboación, coma pobo, para producir elementos esenciais para  a nosa alimentación”, argumentou Rivas, cultivo de froita de todo tipo, de hortalizas e leguminosas, de verduras, de patacas, etc. E por suposto, tamén forraxes e cereais en grao que son imprescindibles para a alimentación animal.

“Hai que primar producións, facelas rendibles, animar ós labregos e labregas a recuperar País, en particular ante a brutal suba de prezos dos cereais e as dificultades no subministro debido á dependencia externa, o que fai urxente  un cultivo inmediata da terra agraria cun mínimo de vocación cerealista”, recalcou.

En nin sequera coa carestía dos produtos agrarios que agudiza a dependencia alimentaria de Galiza, os fondos de recuperación Next Generation chegan ao medio rural, -denunciou Rivas-. En todo caso o Goberno do PP pretende utilizalos para pagarlle a un par de multinacionais supostas plantas de fabricación de fibras, mesmo utilizando eucaliptos, nunha Galiza que apenas conta con superficie.

“Nada lles preocupa que soamente o 4% da nosa superficie estea destinada ó cultivo de alimentos e, pola contra, a superficie forestal ronda o 61%, da que máis de 600.000 hectáreas son eucalipto”, argumentou o portavoz de Medio Rural. E as consecuencias en termos de calidade e de soberanía alimentaria están á vista con importacións por valor de case 4.000 millóns de euros: “repolos da Bretaña, pataca francesa, millo de Ucraína e USA, ata os primeiros pementos de Padrón, cando aquí aínda están sen plantar, xa os hai procedentes de Marrocos”, denunciou.

E todo isto, concluíu, porque terras que no pasado tiñan uso agrícola, que eran aptas para o cultivo forraxeiro e alimentar, “hoxe están plantadas con eucalipto, moitas de xeito ilegal sen que a Xunta faga cumprir a lei, entorpecendo a obtención de cereais para consumo humano ou forraxeiro. Só o 1% da nosa superficie agraria está adicada ó cultivo de cereal para consumo humano, apenas daría para un mes e medio de pan”, ilustrou Rivas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG