parlamento galego

BNG propón unha moratoria sobre o incremento do canon que deben pagar os concellos pola xestión das redes de colectores e estacións de depuradoras

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará instou á Xunta a financiar,  xunto ao goberno central, concellos e deputacións provinciais  obras de melloras durante o período da moratoria  que fixou entre 3 e 5 anos

Lamentou que , unha vez máis, o PP penalice aos concellos con obras que non son da súa competencia

O deputado do BNG, Luís Bará defendeu una proposición non de lei instando á Xunta a aprobar “una moratoria”  na aplicación dos gravames, polo canon de xestión das redes de colectores e depuradoras, durante un período entre 3 e 5 anos para iniciar as melloras necesarias nas redes mediante un plan de investimentos cofinanciados pola Xunta, o Goberno central, os concellos e deputacións provincias.

A iniciativa incluía presentar, no presente período de sesións, un informe sobre os ingresos de Augas de Galicia polo canon de xestión das redes de colectores e  canon de xestión de depuradoras, desglosando as cantidades de cada gravame e por cada concello.

O PP vota en contra de mellorar as redes obsoletas e ineficientes

Na defensa da proposta, que foi rexeitada polo Partido popular, o  deputado explicou que os concellos que verten ás Estacións de Depuradoras de Augas Residuais (EDAR) xestionadas pola Xunta,  “viron incrementadas de maneira excesiva a facturación de Augas de Galicia” pola aplicación do canon de xestión que entrou en vigor tras a aprobación da lei do ciclo da auga no 2022, cun incremento en  31 concellos, na súa maioría costeiros, que verten as augas a 28 depuradoras.

A previsión, explicou Bará  era incrementar a recadación do canon de xestión de da auga de 5,9 M€ a 12,4 Millóns de euros “por un gravame de nova creación” do Partido popular  que debería ser asumido polos concellos e repercutido sobre as persoas contribuíntes.

Nos últimos meses, engadiu, os concellos afectados  xa foron  notificados dos novos gravames cos considerables  incrementos  e indicou que  chama especialmente a atención que a Xunta aplique o canon de xestión da rede de colectores sen  contar coa precariedade das redes municipais e a necesidade de investir para melloralas. “Investimentos que os concellos non poden asumir sen apoio doutras administracións”, asegurou.

O nacionalista cualificou o novo gravame do PP de “imposto á chuvia” nun contexto de “gravísima crise económica” para as familias e concellos. O Partido popular,  en  troques de “tirarlles un salvavidas,  tíralle unha pedra para que se afundan aínda máis”.

Bará tamén  lembrou que hai dous anos, o BNG advertiu  no debate da lei do ciclo da auga que a situación sería inasumible para os concellos pero a conselleira continuou adiante coa medida, a pesar de seren unha conselleira “desacreditada” e comandar unha consellería cuestionada polo propio Consello de Contas e tribunais de xustiza ante o grande número de “irregularidades, ilegalidades e incumprimentos” na súa xestión.

Urxe cambiar as infraestruturas grises por infraestruturas verdes

A xuízo do deputado, a orografía e dispersión da poboación en Galiza fai necesario desenvolver un “novo modelo  de redes de saneamento e depuración, substituíndo, sempre que sexa posíbel, as obsoletas e custosas “infraestruturas grises por infraestruturas verdes”, e adaptando o territorio galego a solucións baseadas na natureza.

Tras a intervención do  portavoz popular Xosé Manuel Balseiro, que usou o seu tempo para  criticar o acordo de investidura  entre o BNG e PSOE, o deputado nacionalista volveu recriminar ao PP que diminuíra  o orzamentos de Augas de Galicia en 43,9 millóns de euros. Esta decisión, afirmou,  “é  razón suficiente para que dimita toda a cúpula da consellería sabendo das necesidades de obras para saneamento e abastecemento”.

Bará tamén criticou que Balseiro mentira asegurando que non subiron os impostos da auga cando hai concellos que experimentan un grande incremento, unha subida  que en opinión do nacionalista confirma o carácter “recadador”  da Xunta.

Os concellos “non van a tolerar esta extorsión”. Urxe  mellorar as redes de abastecemento e saneamento e logo subir os impostos pero o  PP fai todo o contrario, concluíu o deputado do BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG