O BNG vén de propoñer no Parlamento galego que a Xunta asuma como obxectivo estratéxico do novo Plan de Vivenda 2021-2025 a redución dos prezos do mercado do alugueiro con iniciativas como a mobilización da vivenda baleira a través de medidas de presión fiscal sobre os grandes propietarios inmobiliarios, os denominados grandes propietarios.
Así o explicou na Comisión de Ordenación Territorial da Cámara galega a deputada Alexandra Fernández, quen tamén reclamou “unha aposta decidida e con recursos suficientes” por parte do Goberno do PP para aumentar o parque de alugueiro de forma substancial nos próximos anos e a realización dun estudo e diagnose pormenorizados das variacións, e as súas causas, dos prezos no mercado de alugamento.
Fernández advertiu á Xunta que debe ter en conta o cambio de modelo derivado da crise do 2008, cun aumento da precariedade laboral, a incapacidade de endebedamento das familias e un sector bancario que restrinxe a concesión de hipotecas “ao abandonar o negocio do ladrillo”. “A compra non é unha opción para a maioría das familias galegas”, afirmou, logo de criticar que as principais liñas de actuación do Plan de Vivenda 2021-2025 avanzadas polo Executivo galego primen a adquisición e non o alugueiro.
Neste sentido, subliñou que o principal problema no acceso á vivenda atópase “no aumento desorbitado que sufriron os prezos do alugueiro nos últimos anos”, con especial incidencia nas áreas máis urbanas. Así, a portavoz de Vivenda cifrou entre un 15 e un 20% o incremento dos prezos medios no período 2014-2020 nas cidades de Ferrol, Ourense, Santiago, Lugo e Pontevedra, e de ata un 22% en Vigo e un 31% na Coruña. De igual xeito lembrou que, segundo os datos do INE, unha cuarta parte dos fogares galegos dedica na actualidade máis dun 30% dos ingresos ao pagamento do aluguer da vivenda principal e recalcou que das 15.000 persoas inscritas no rexistro galego de demandantes, case 10.000 solicitan alugueiro.
Ante esta realidade, a deputada nacionalista considerou obrigado frear a burbulla xerada nos prezos do alugamento, mobilizando vivenda baleira e aumentando o parque de alugueiro, iniciativas incorporadas na proposición non de lei presentada no Parlamento e que non prosperou polo veto do PP.