BNG propón duplicar as axudas ao aluguer para a mocidade de menos de 35 anos cun mínimo de 2M€ nos orzamentos

Defende o aumento do parque de vivendas protexidas que hoxe en día está por debaixo do 1% en Galiza cando a media na contorna europea é do 9%

Alexandra Fernández afea a Feixóo o abandono da política social de vivenda: das 2.640 vivendas protexidas/ano ao inicio do seu mandato ás 450 de 2020, seis veces menos

O BNG propón incrementar as axudas da Xunta ao alugueiro para xente moza ata un mínimo de dous millóns de euros, o que suporía duplicar a partida actual do Goberno galego, así como aumentar o parque público de vivendas co obxectivo de alcanzar as cifras da contorna europea, situadas no 9% mentres que en Galiza representan menos do 1%.

O Bloque apunta deste xeito á vivenda como un dos ámbitos nos que, xunto ao laboral, urxe actuar diante das preocupantes cifras de emancipación da mocidade que rexistra o País, onde catro de cada 10 mozos e mozas de entre 30 e 34 anos non conseguen independizarse, o que supón a segunda peor taxa de todo o Estado. 

Segundo a portavoz nacionalista de Vivenda, Alexandra Fernández, ao “aumento continuado e abusivo” dos prezos do alugueiro rexistrado nos últimos anos hai que sumar “a falta de políticas sociais de vivenda por parte do Executivo do PP, especialmente no que ten que ver coa vivenda protexida”.

Nesta liña, tamén advirte das políticas desenvolvidas en materia de axudas ao alugueiro para a mocidade, con contías tan baixas que a maioría das persoas solicitantes “quedan excluídas e non poden optar a elas”. Así, lembra que en 2019 apenas se destinaban 1,2 millóns a estas axudas, unha cifra que baixou en 2021 aos 840.000 euros e, “o que é peor, no ano 2020, no peor da pandemia, a Xunta nin tan sequera as convocou”.

Así pois, e diante deste abandono da política social de vivenda por parte do PP, o BNG avoga por actuar no curto prazo duplicando as axudas á mocidade para o aluguer e ir incrementando paulatinamente no medio prazo o parque público de vivenda. “Temos que aumentar ese parque de vivenda pública e temos tamén que mobilizar a vivenda baleira porque temos a maior porcentaxe de vivenda baleira de todo o Estado”, engade, para concluír a continuación que “hai que conseguir que saia ao mercado para aumentar a oferta e para que unha parte desta se destine a alugueiro a prezos accesibles, especialmente para a xente moza” tomando deste xeito, e dunha vez por todas, medidas contra o grave problema das baixas taxas de emancipación que sofre Galiza.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG