A portavoz de Desenvolvemento Rural do BNG, Carme Aira lamentou que, unha vez máis, o Partido popular persista “nunha política rural errática” e conxugue participar na mobilización convocada polo sector da carne de vacún en Lugo para reclamar solucións a “agónica situación” do sector, e no Parlamento galego vote en contra dunha proposta do BNG para paliar os efectos do incremento dos prezos e as novas directrices da PAC.
A parlamentaria criticou que o novo período da PAC descoñece a realidade produtiva galega e dirixir a súa política a melloras medioambientais e climáticas obrigatorias que condicionarán as axudas directas e outras por prácticas voluntarias para preservar o medio ambiente. “ O pasado período da PAC despediuse con falta de orzamentos e unha importante sensación de frustración no sector da produción ecolóxica e os novos proxectos para primeiras incorporacións que se viron fóra das axudas cos anticipos da PAC cobrados e que lles supuxo quedar endebedados e endebedadas e que a maiores repercute directamente nos anticipos deste ano, xa que os bancos comezan a negar os anticipos pola falta de solvencia da propia Xunta de Galiza”, explicou a nacionalista.
Esta circunstancia, unida a crises pasadas, deixa unha situación de precariedade en sectores produtivos fundamentais, como o sector cárnico bovino cunha produción “transcendente e de recoñecida calidade” pero as explotacións profesionais produtoras e as tradicionais de carne estanse vendo directamente afectadas cos cambios da PAC para este novo período. Quizá debido, dixo, a que as súas organizacións asociativas tiñan menos peso que as do leite e “quedaron fóra de negociacións compensatorias”.
Nesta liña, lembrou os efectos sobre o sector pola Redución das axudas en Zonas con limitacións naturais diferentes ás zonas declaradas de Montaña, provocaron un dobre castigo aos produtores dos concellos non declarados de Montaña entre os que destacou: O Corgo, Castroverde ou Vilalba, cun peso específico enorme da gandería de vacún de carne sobre a actividade económica primaria dos mencionados concellos.
Ademais, salientou a discriminación do sector da carne fronte ao do leite na compensación de axudas para a produción:
A esta realidade, a parlamentaria do BNG, sumou a limitación das axudas por ataque de lobo, a insuficiencia de orzamentos para axudas á gandería ecolóxica e fomento de pastos sen previsión de compensación para este ano e que xa se perderon no ano 2022, excesiva burocracia en materia técnica e administrativa, medidas contraditorias entre diferentes departamentos da consellería e falta de asesoramento e tramitación das axudas para o sector.
Tras a intervención do portavoz popular, José Antonio Armada, a nacionalista preguntou cal era a posición do Partido popular a respecto da táboa reivindicativa da Asociación da Suprema na recente mobilización de Lugo e como encaixa o PP asumir as críticas da nova PAC participando e apoiando activamente a mobilización dos gandeiros e “votar en contra no Parlamento galego da proposta do BNG”, consonte ás reivindicación do sector.
Regulación para que os custes de produción non superen o pago do produto
A marxe de cuítas políticas, a deputada do BNG afirmou que existe “un severo problema” coa regulación de prezos da carne e urxe “implementar un organismo regulador de control e fixación que garanta a viabilidade e pago xusto ao produtor, por riba dos prezos de custe”
“Se pensamos que en moitas destas granxas con prácticas que se aproximan bastante ás exixencias de Europa a respecto do medio ambiente, clima, ou biodiversidade, é urxente poñelas en valor e non prexudicalas”, recalcou Carme Aira.
A parlamentaria do BNG volveu a pedir un acordo para poñer en marcha medidas que compensen as desvantaxes da entrada en vigor da novo período da PAC 2023-2027 insistindo no destino de “fondos propios” para produtores de vacún, abrir unha liña de axudas a crianza de becerros na propia granxa que compense e actualice a inflación a data actual a contía por becerro consignada nas axudas da PAC, co fin de apoiar ás produtoras polo incremento nos custes da crianza.
A respecto da aplicación dos regulamentos para o cobro das axudas da PAC, Carme Aira reclamou defender ante Ministerio, “criterios de priorización para o vacún de carne no acceso ás axudas agroambientais e/ou ecolóxicas, mantemento de pastos e compensación por ataque de lobos e nos concellos susceptibles de cobrar axudas por ataques de lobos, estendelas aos 5 últimos anos dos ataques”.
A deputada nacionalista rematou a súa intervención lamentando que outra vez, o PP dea as costas ao sector gandeiro e continúe na senda de deixar esmorecer o medio rural.