Congreso

BNG propón no Congreso un Plan de Reforma Integral da N-541 e axilizar a mellora na zona da Ponte de Pedre

Visita Cerdedo-Cotobade
Visita Cerdedo-Cotobade
Néstor Rego reprocha ao Ministerio de Transportes que aínda non teña acometido medidas no lugar onde morreron sete persoas “e iso que era una obra de emerxencia”. Alega a necesidade dun Plan Integral para “evitar facer remendos”.

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, presentou varias preguntas parlamentares e unha proposición non de lei na Cámara, para proporlle ao Ministerio de Transportes a aprobación dun Plan de Reforma Integral da N-541, a estrada que comunica Ourense con Pontevedra, e que é coñecida por ser unha das máis perigosas do estado.

“A N-541 figura estre os viais con maior sinistralidade nas listaxes de RACE. Unha posición que se repite ano tras ano sen que se adopten medidas para a súa mellora, acondicionamento e rehabilitación”, afirma Rego, quen salienta as numerosas iniciativas realizadas polo BNG en todos os ámbitos institucionais para reclamar actuacións nesta estrada, especialmente ao seu paso polos concellos de Cerdedo-Cotobade e Forcarei.

Urxe a mellora da N-541 na Ponde de Pedre. “O Ministerio aínda non fixo nada”.

O deputado do BNG ilustra á alta sinistralidade da N-541, e lembra o grave accidente de autobús, ocorrido na Noiteboa de 2022 e no que morreron sete persoas ao caer o vehículo ao río Lérez na zona da ponte en Pedre. “Pensamos que esta desgracia sería un punto de inflexión para que o Ministerio axilizase a adopción de medidas co propósito de acondicionar unha vía cuxa perigosidade está máis que recoñecida. En xaneiro pasado faleceu un motorista, e recentemente produciuse outro accidente de moto á altura da ponte”.

Porén, puntualiza o parlamentar do BNG, “nove meses após do terríbel accidente, a zona da ponte da N-541 segue igual, unicamente sinalizada con valados. Non se fixo nada a pesar de que o Goberno falou de emerxencia”. Neste eido, Néstor Rego critica o anuncio do Ministerio en plena precampaña electoral, “manifestando que a situación da ponte era grave e que se consideraba unha actuación de emerxencia. Anunciáronse obras puntuais na área da ponte para este mes e aínda estamos a agardar por elas”.

“Precísase un Plan Integral de rehabilitación e non remendos”

Rego enumera as múltiples deficiencias desta estrada: mal deseñada, cun trazado sinuoso cheo de curvas, co firme moi deteriorado e  con moitos desniveis e fochanca, cunha calzada irregular na que se acumulan bolsas de auga, cunha deficiente sinalización, e moitas insuficiencias que é preciso acometer. Por iso, alega, é necesario aprobar un Plan Integral “e non facer remendos”.

As propostas do BNG:

Na proposición non de lei presentada, Rego enumera as actuacións que deberían incluirse nun Plan: a mellora das curvas, a humanización das travesías de Dorna en Santa María de Sacos, Barbeitos e a Longa en San Xurxo, así como en Viascón e Tenorio. A habilitación de pasos de peóns en núcleos de poboación. Reforzar a sinalización e a iluminación. A construción dunha rotonda en Ventoxo, máis elementos de seguranza vial na entrada este de Cerdedo e mellorar os accesos aos lugares de Cádavo e Cutián de San Xurxo. Facer un paso peonil inferior entre o Centro de Saúde e a farmacia en Tenorio, así como a mellora da seguranza no lugar de Calvelo (Tenorio) coa inclusión de dúas rotondas, e a instalación dun paso superior para facilitar o tránsito entre ambas marxes.

Propón tamén o BNG a construción dunha vía de incorporación no punto quilométrico 84, en dirección a Ourense e un vial peonil paralelo á estrada entre Calvelo e Tenorio. Reclama asemade medidas para calmar o tráfico na travesía de Cerdedo, zona onde os coches van a moita velocidade e supón un risco para os viandantes que cruzan.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG