Parlamento Europeo

Ana Miranda alerta no Parlamento Europeo da preocupación no sector agrogandeiro galego polo impacto do acordo co Mercosur

Ana Miranda e C.Hansen
Ana Miranda e C.Hansen

A eurodeputada galega advertiu aos comisarios de Agricultura e de Comercio das consecuencias negativas deste acordo nos pequenos produtores

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, trasladou aos comisarios de Agricultura e de Comercio, Christophe Hansen e Maroš Šefčovič respectivamente, a preocupación polas consecuencias do acordo da UE co Mercosur (que integra a Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai) no sector agrogandeiro galego. Segundo criticou, trátase dun acordo asinado no mes decembro “segredo e sen transparencia”.

“Os produtores de carne e leite pecharon 40.000 explotacións en 20 anos, polo que a pregunta é: de que beneficios fala a Comisión Europea? que reducións de aranceis para as exportacións vai a haber?”, manifestou a eurodeputada galega na súa intervención na Comisión de Agricultura.

Segundo destacou Miranda, este acordo entre a Unión Europea e Mercosur terá “consecuencias moi graves sobre o sector agrogandeiro galego, sobre as pequenas explotacións de carne e de leite”. Ademais, segundo indicou a eurodeputada do Bloque “non están avaliadas esas consecuencias” en zonas altamente dependentes da agricultura a pequena escala, como é o caso galego.

“Tiven a ocasión de conversar co Comisario de Agricultura e dicirlle que non pode ser que se beneficien sempre os grandes latifundios mentres as pequenas explotacións van desaparecendo”, explicou Ana Miranda a respecto da conversa que mantivo con Hansen ao rematar a comisión de Agricultura.

igualdade competitiva

Precisamente o BNG xa denunciou no Parlamento Galego que este acordo ten como consecuencia aspectos negativos como prácticas completamente contrarias á descarbonización, á recuperación da biodiversidade natural, a soberanía alimentar e o consumo de produtos de proximidade. Segundo denuncia o Bloque, a entrada dun gran volume de produtos procedentes do outro lado do Atlántico para abastecer o mercado galego favorece o monocultivo e especialización agraria de grandes extensións para o seu posterior traslado a miles de quilómetros. Ademais, resulta preocupante o uso de pesticidas, antibióticos, pensos e prácticas de cría de animais nos que non se aplican os mesmos estándares e controis que na Unión Europea.

Pola contra, o BNG defende favorecer o consumo de produtos locais e sen transporte, os chamados de “km 0”, limitando a importación de produtos non necesarios de forma masiva, e que a Xunta garanta a igualdade competitiva dos produtores e gandeiros e gandeiras de Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG