congreso

BNG presenta emendas na reforma da Lei do só si é si para manter o consentimento como elemento central

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego: “Non imos volver ao marco lexislativo e ao Código Penal da Manada, condenados unicamente por un delito de abusos”

A frente nacionalista propón revisar as penas para garantir maior proporcionalidade, manter o foco principal no consentimento e introducir a violencia e intimidación só para a gradación da pena

O Bloque Nacionalista Galego rexistrou emendas á Proposición de Lei Orgánica para a modificación do Código Penal no referido aos delitos de liberdade sexual, que pretende reformar os cambios operados pola coñecida como “Lei do só si é si”. A frente nacionalista centra as súas emendas en manter o consentimento como elemento central do tipo, en contraposición á proposta presentada por PSOE e apoiada polo PP que volve pór o foco na violencia e na intimidación. Así mesmo, proponse unha modificación das penas para garantir unha maior proporcionalidade e utilizar os elementos de violencia e intimidación só para a gradación da pena a impor polo órgano xulgador.

A Proposición de Lei presentada polo PSOE no Congreso para a modificación do Código Penal no referente aos delitos de agresión sexual, reformados recentemente pola chamada Lei do só si é si, tal e como sinalaba o deputado do BNG,  volvía introducir como elemento do tipo delituoso “agravado” o emprego da violencia ou a intimidación. Unha modificación que, en opinión da frente nacionalista, é un erro grave que debe ser corrixido, recuperando o consentimento como peza chave.

“A Lei de liberdade sexual foi un enorme avance na conquista de dereitos que adaptaba a lexislación do Estado español e cumpría coas recomendacións do Convenio de Istambul. Neste convenio, de 2011 e ratificado polo Estado español en 2014, pedíase que o delito contra a liberdade sexual pivotase sobre o consentimento” lembra o deputado do BNG no Congreso. “Non imos volver ao marco lexislativo da Manada, condenados unicamente por un delito de abusos” avanza Rego na presentación das emendas.

“O marco proposto polo Partido Socialista volve atrás e nós, o BNG, non podemos apoiar un retroceso nesta materia. Co novo texto diferenciaríase unha agresión ou unha violación de “menor entidade” e outra “agravada” na que a vítima tería que probar a existencia de violencia e/ou intimidación, isto é, volveríamos á necesidade de demostrar a resistencia suficiente e as evidencias físicas desta” sinala Rego. 

Neste sentido, Néstor Rego destaca a emenda rexistrada para suprimir o apartado relativo á agresión empregando violencia ou intimidación “por considerar que, de mantelo, estaríase volvendo a pór o foco na violencia ou intimidación e desprazando o consentimento”. “Eses elementos poden e deben servir para graduar a pena en base á inexistencia de violencia, intimidación ou outras circunstancias concretar que concorran no caso concreto, sen desviar o foco do consentimento” salienta.

Paralelamente, a organización nacionalista tamén presenta emendas para garantir unha maior proporcionalidade nas penas dos delitos de agresión e violación, “para que sexa logo o órgano xulgador o que, razoando a sentenza, gradúe a condena en base á inexistencia de violencia, intimidación ou outras circunstancias concretas que concorran en cada caso concreto mais sen desviar o foco do consentimento” engade o deputado do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG