O BNG prepara para o 6 de decembro un acto simbólico pola soberanía de Galiza e contra a Constitución

Noa Presas e Bieito Lobeira
Noa Presas e Bieito Lobeira

Rexeita o actual marco político estatal e autonómico, un texto constitucional que nega  os dereitos nacionais e sociais de Galiza e pide suprimir a monarquía

Baixo o lema “6 de decembro, nada que celebrar” o BNG presenta a campaña contra a exaltación da Constitución española no seu 40 aniversario.

A deputada do BNG, Noa Presas salientou que o nacionalismo galego sempre denunciou que a Constitución española “nega os dereitos nacionais e sociais” de Galiza. A parlamentaria explicou que o texto constitucional é o resultado “dunha reforma fraudulenta” nacida no réxime franquista e corenta anos despois, non supuxo unha transición e máis, continúa mantendo as estruturas de poder político e económico que sostiña o franquismo. “Mudar a aparencia para non mudar nada”, recalcou.

OS CARGOS INSTITUCIONAIS DO BNG NON ASISTIRÁN AOS ACTOS

Presas anunciou que o BNG trasladará a campaña  a institucións  e sociedade porque temos, dixo, “moi pouco que celebrar e moito que reivindicar e denunciar”. Para a nacionalista,  a Constitución española avala a “discriminación da lingua galega, impide desenvolver os dereitos sociais, nega o dereito a autodeterminación e corenta anos despois, o texto blinda unha constitución antidemocrática e unha monarquía que ninguén elixiu, vitalicia e hereditaria e sobre a que ninguén pode opinar”.

A día de hoxe, engadiu, a monarquía é un “síntoma antidemocrático e absorbe recursos económicos que deberían ser destinados a gasto social” e non dedicalos á “ostentación, privilexios ou entrevistas cun asasino”. Presas anunciou que o BNG presentará no Parlamento galego a proposta de supresión  da  Monarquía española e asegurou que estamos nun momento de crise do réxime político do 78 e de crise do propio Estado español “fanado por unha corrupción sistémica”, sen separación de poderes e cunha forte involución democrática, só cuestionada dende os pobos sen estado.

Os cargos institucionais do BNG non asistirán a ningún acto de celebración do 40 aniversario da Constitución española. Noa Presas afirmou que é o momento de dar por “morta esta constitución e o réxime estatal e autonómico  que impón un corsé as nosas capacidade como país”, polo que apelou a abrir  un debate sobre un novo marco político.

NADA QUE CELEBRAR, TEMOS DEREITO A DECICIR, SOMOS UNHA NACIÓN

Para o  secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, o saldo de 40 anos de constitución é “negativo para Galiza” e cun  marco político  que “non nos vale”. Queremos,  poder decidir “sen inxerencias nin interferencias” e manifestou  que forzas de Euskadi e Cataluña están na mesma liña para facer fronte á situación de crise do Estado.

O nacionalismo, manifestou Lobeira, “sempre mostrou a súa oposición con coherencia” durante  corenta anos a unha constitución que nega os dereitos de Galiza e en  contraposición  ao entusiasmo mostrado por forzas estatais.

Na súa intervención, o responsable de Organización   fixo fincapé no problema demográfico en Galiza, o desmantelamento dos sectores produtivo  ou que centos de galegos e galegas teñan que emigrar por un posto de traballo porque a  Constitución non garante ese dereito. 

Lobeira anunciou que o BNG celebrará o vindeiro día 6 de decembro un acto de  concentración nacionalista en Santiago de Compostela ás 12hs para mostrar o rexeitamento á conmemoración dos 40 anos de Constitución española.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG