O BNG pide á Xunta medidas urxentes para loitar contra os accidentes de tráfico

Luís Bará
Luís Bará

Bará pon de releve o alto número de accidentes rexistrados nos últimos anos e pide convocar unha mesa institucional e social para poñer en marcha as propostas dos diferentes colectivos así como pensar, a medio prazo, nun novo Plan de Seguridade viaria en Galiza.

O deputado do BNG, Luís Bará interpelou á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, á que reclamou máis medidas para loitar contra os accidentes de tráfico.

O deputado comezou a súa intervención lembrando aos tres mozos e mozas que perderon a vida en Redondela nun “dramático accidente na AP-9”. Os accidentes nas estradas, dixo, están aumentando e provocando moitas vítimas mortais, que obriga a “unha resposta institucional”. Neste sentido,  propuxo un acordo entre  todas as forzas políticas para abordar solucións.

No ano 2017, explicou, morreron vítimas de accidentes, 76 persoas, no 2018, 124 que aumentaron a 138 con vítimas nas zonas urbanas, e a evolución no 2019, recalcou é  moi preocupante porque nos primeiros cinco meses xa se rexistraron 15 mortes máis que o ano pasado.

Para o deputado é necesario actuar con medidas “extraordinarias e urxentes” porque ademais os informes constatan que están aumentando os accidentes nos ámbitos urbanos e do que estamos a falar, é “de salvar vidas, de evitar atropelos con graves consecuencias”. Bará asegurou que en moitas ocasións, mesmo  é preciso poñer en marcha medias “pouco populares e que serán criticadas” provocando batallas políticas pero  eu, manifestou  prefiro,  “que pase unha ambulancia por un baden e non un coche fúnebre”.

Os datos de mortes en vías urbanas non son competencia da Xunta pero pode actuar dentro do Plan de Seguridade Viaria chegando a acordos co resto das administracións, “porque as mortes en vías urbanas se están duplicando”, reiterou.

Ademais están aumentando tamén  as mortes de motoristas e peóns en travesías urbanas o que demostra que as medidas son insuficientes. Por outra parte, hai un incremento de accidentes laborais relacionados coa circulación moitas das veces provocados pola “precariedade laboral” dos traballadores e traballadoras.

O obxectivo do Plan de seguridade viaria de chegar a 34 mortos por millóns de habitantes, “está cada vez máis lonxe” si temos como referencia os datos dos anos 2018 e 2019.

O deputado propuxo realizar “campañas impactantes e comezar a falar de violencia viaria”, como defende o colectivo STOP Accidentes cuxa presidenta, lembrou acaba de ser galardoada coa medalla Castelao. Tampouco axuda, engadiu, falar de “vías rápidas e corredores”, temos que cambiar o discurso porque con eses termos moitas persoas consideran que os tramos contan con garantías de seguridade e perdoan  infraccións. Hai que convocar unha mesa institucional e social para poñer en marcha as propostas dos diferentes colectivos así como pensar, a medio prazo, nun novo Plan de Seguridade viaria en Galiza que aborde unha estratexia de mobilidade saudable e segura que vai máis alá da mobilidade motorizada por estrada. Neste ámbito, dende o BNG propoñemos “recuperar o Plan director  de mobilidade alternativa que permanece gardado nun caixón”.

O parlamentario nacionalista apelou a medidas que incidan na mellora das infraestruturas priorizando as máis necesarias, as variantes e circunvalacións pero sen “repartos partidistas” porque entre os convenios da Axencia galega de Infraestrutura, só aparecen “concellos do Partido popular”.

Finalmente, Luís Bará volveu a reclamar a transferencia das competencias  de Tráfico porque o Estado recada de multas en Galiza 420 millóns de euros, “veñen aquí a chuchar pero non invisten en melloras”.

O deputado rematou a súa intervención preguntando cando se porá en marcha a ponencia que será enviada ao goberno do Estado co fin de reclamar as competencias de Tráfico.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG