A senadora do BNG, Carme da Silva, solicitou que o Senado se solidarizase cos traballadores e traballadoras da CRTVG por levar case seis anos sufrindo “ameazas, presións, censura, control, inxerencias, acoso laboral e persecución polo único feito de querer facer ben o seu traballo”. Lamentabelmente, o PSOE rexeitou a proposta de engádega do BNG mentres que a senadora Carme da Silva condenou con rotundidade as ameazas do xefe de gabinete da Presidenta da CAM a xornalista.
“Para o BNG, falar de liberdade de prensa e o dereito ao libre exercicio xornalístico transcende o que sucede na Comunidade de Madrid. Supón falar de censura e da manipulación, por exemplo, que sofren desde hai anos os centos de traballadores e traballadoras da CRTVG. Os medios públicos galegos” sinala a senadora do BNG durante a moción en defensa da liberdade de prensa.
Carme da Silva, co obxectivo de romper o “círculo madrileño” e visualizar e denunciar outras realidades “igual de lamentábeis” e incluso máis asfixiantes e graves porque afectan a centos de xornalistas da CRTVG, lamentou que o PSOE non aceptase a proposta de engádega do BNG que propuña que o Senado mostrase a súa solidariedade “cos traballadores e traballadoras da CRTVG que levan máis de cinco anos e nove meses mobilizándose cada venres, venres negros, para denunciar a manipulación, a propaganda, a censura, a falta de imparcialidade, así como o control que exerce a dirección ao servizo do Goberno do PP da Xunta”.
Os profesionais dos medios públicos galegos, continuou a senadora do BNG, unicamente queren desenvolver a súa profesión xornalística libremente: “sen censuras, sen prohibicións, sen coaccións, sen seren presionados e acosados”. “Queren poder cumprir cos criterios estabelecidos na lei: informar con veracidade, con imparcialidade e neutralidade. Queren ofrecer información de calidade e ao servizo dos galegos e das galegas e non ao servizo dunha organización política, o PP” enfatiza.
“Lamentamos profundamente que que esta visión madricentrista impida aceptar a emenda do BNG. Máis unha vez, situacións que levamos anos padecendo na Galiza, so se fan visíbeis ou se fala delas se suceden en Madrid” sinala da Silva. Neste sentido, a senadora animounos a que “levanten os ollos de Madrid” e vexan a realidade do resto de territorios como o galego.
Parar o xenocidio do pobo palestino
Ademais de denunciar os 306 venres negros, a senadoras do BNG citou os 103 xornalistas e profesionais dos medios de comunicación palestinos asasinados “impunemente” por Israel na Faixa de Gaza. “Asasinados para eliminar as testemuñas do xenocidio que o Estado de Israel está cometendo exterminando o pobo palestino. Igual que asasina persoal sanitario, persoal de axencias e ONG con total impunidade” denuncia da Silva.
“Que máis ten que facer Israel para que occidente deixe de venderlle armas, rachar Relacións diplomáticas e aplicarlle sanción?” preguntou a senadora do BNG.