A deputada do BNG, Olalla Rodil defendera na Cámara galega unha proposición non de lei para que o Parlamento de Galiza, como órgano no que reside a soberanía do pobo galego, “acorde por resolución a reprobación do Director Xeral da CRTVG pola continua manipulación informativa e vulneración dos principios de pluralidade, veracidade, independencia e obxectividade dos contidos informativos que deben rexer nos medios audiovisuais públicos de Galiza.”
A parlamentaria e portavoz do BNG na comisión de control da CRTVG lembra que o 19 de xuño presentaban a súa dimisión dous xornalistas da TVG como mostra do seu desacordo coa liña informativa e por razóns profesionais.
Desde o cadro de persoal da Corporación e organizacións sindicais que representan a todos os traballadores e traballadoras da CRTVG, levan anos demandado a aprobación do Estatuto profesional (artigo 36) e a creación do Consello de informativos previsto na Lei 9/2011 de medios audiovisuais públicos de Galiza.
O Consello de informativos debe ser, como recolle a propia lexislación, un “órgano interno de participación dos profesionais da información da CRTVG co fin de velar pola independencia, pola veracidade e obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles”.
Nos últimos anos sucédense as denuncias por “manipulación informativa, pola falta de pluralismo social, político e ideolóxico e polos incumprimentos reiterados da propia Lei de medios audiovisuais públicos así como pola “deriva”, especialmente da televisión, que “non cumpre coas funcións que lle corresponden como difusora e promotora da cultura galega ou a súa contribución ao proceso de normalización da lingua galega, entre outras obrigas”.
A parlamentaria do BNG agarda acadar o apoio de todas as forzas políticas para reprobar as actuacións do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo que nos últimos tempos leva recollidas un gran número de denuncias “ ás que agora se suma a dimisión de dous xornalistas pola manipulación informativa imposta pola dirección”.