BNG pide a Renfe flexibilizar os requisitos para o acceso gratuíto das bicicletas nos trens da Galiza

Carme da Silva
Carme da Silva

Como verdadeira aposta pola mobilidade sustentábel, Carme da Silva demanda estabelecer as mesmas condicións contempladas para os trens de proximidade e FEVE

“Até que non se implante o servizo de cercanías na Galiza, froito do Acordo de Investidura conseguido polo BNG, Renfe debe permitir o acceso das bicicletas de forma gratuíta” di a senadora do BNG

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar novas iniciativas nas Cortes do Estado relativas á necesidade de que Renfe flexibilice os requisitos para acceder con bicicletas nos trens da Galiza. Até que non estean implantadas as cercanías ferroviarias na Galiza -comprometidas no Acordo de Investidura do BNG- a senadora nacionalista, Carme da Silva, demanda estabelecer as mesmas condicións que se contemplan para os trens de cercanías e FEVE e facilitar, así, o acceso das bicicletas e promovendo verdadeiramente unha mobilidade máis sustentábel.

Mentres Renfe exhibe unha campaña de publicade que anima a viaxar no tren con bicicletas como parte dunha aposta dobre pola mobilidade sustentábel mediante unha alianza “tren+bicicleta”, na Galiza a mesma operadora estabelece nos servizos de Media Distancia e AVANT un coste de tres euros para as persoas usuarias que queiran acceder ao tren con bicicleta. Certo é que na Galiza, actualmente, non existen cercanías ferroviarias mais “tamén é verdade que os servizos de Media Distancia están como transporte ferroviario de proximidade”.

“Estanse dando casos de persoas usuarias ás que se lles impediu o acceso aos trens con bicicleta no traxecto Santiago-Ourense na estación de Compostela” denuncia a senadora do BNG. Ante esta situación, Carme da Silva reclama á compañía ferroviaria que asuma na Galiza uns criterios semellantes aos estabelecidos para os trens de cercanías co fin de facilitar e simplificar o acceso aos vagóns con bicicletas e equiparar as condición neste tema.

Seguindo a filosofía da propia operadora, subliña Carme da Silva, o BNG defende a necesidade de flexibilizar os requisitos e permitir o acceso gratuíta das bicicletas nos servizos ferroviarios que se ofrecen na Galiza. “É unha das mellores formas de impulsar un dobre uso dos medios de transporte sustentábeis en liña coas propias consignas publicitarias de Renfe” sinala a senadora do BNG.

Até que se implanten as cercanías ferroviarias na Galiza

As normativas de Renfe son flexíbeis para viaxar gratis coa bicicleta nos trens de proximidade e de FEVE. Pero estabelece unha serie de requisitos cando se trata de trens de media distancia, onde se pode viaxar “como equipaxe de man ou equipaxe especial” en función das medidas. Deben embalarse as bicicletas, caso contrario será considerado un “extra” que nos roteiros de máis de 100 quilómetros ten un custo de 3 euros.

“Até que non se implante o servizo de cercanías na Galiza, froito do Acordo de Investidura conseguido polo BNG, Renfe debe permitir o acceso das bicicletas de forma gratuíta en todos os servizos ferroviarios que ofrece Renfe na Galiza” reivindica Carme da Silva.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG