Ana Pontón anuncia que o BNG levará ao Parlamento un plan para rescatar a sanidade de Ourense do deterioro na que a situou o PP

Exemplifica no lamentable estado das instalacións do complexo hospitalario ourensán as consecuencias dos recortes e privatizacións do Executivo

Pregúntase onde está Rueda mentres o edificio Cristal se anega e o Materno Infantil “cae a cachos” e pídelle que dea a cara e poña solucións sobre a mesa

Critica a política propagandística da Xunta ao anunciar o inicio da reforma do Materno cando nin sequera incluíu esta actuación nos Orzamentos de 2025

A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG levará ao Parlamento “un plan para rescatar a sanidade pública de Ourense” do lamentable estado na que a situou un Goberno do PP convertido “nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas” cos seus recortes e privatizacións.

Un plan que inclúe medidas tanto no ámbito hospitalario como na Atención Primaria, coa concreción por parte da Xunta de compromisos e prazos efectivos para a construción dun novo hospital Materno Infantil do CHUO, o desbloqueo das obras de ampliación da área de hospitalización que levan seis meses paralizadas, a dotación dunha UCI coas camas e o persoal sanitario necesario, así como o reforzo de medios e profesionais na Atención Primaria, que sofre a maiores os problemas derivados dunha mala planificación na construción do Centro Integral de Saúde (CIS).

Así o avanzou a líder nacionalista ao pe dun Materno Infantil “que cae a cachos” e no que exemplificou as nefastas consecuencias das políticas de acoso e derrubo do Executivo de Alfonso Rueda á sanidade pública, nun acto no que estivo acompañada polo portavoz municipal, Luís Seara, o deputado ourensán Iago Tabarés e a portavoz parlamentaria de Sanidade Hospitalaria, Iria Carreira.

“As mulleres de Ourense teñen que vir a parir a un hospital que se cae a cachos”, denunciou Pontón, quen advertiu que a lamentable situación na que se atopa o Materno non é nova, xa que previamente xa rexistrara outros tres derrubamentos, o que cualificou como unha auténtica “irresponsabilidade da Xunta”. 

Ao grave deterioro da área Materno Infantil, sumou o recente asolagamento do edificio Cristal na zona de atención aos pacientes o que demostra até que punto estas infraestruturas sanitarias “están obsoletas” e sofren “situacións dantescas” sen que, advertiu, o Goberno do PP achegue ningunha solución.

“Eu pregúntome que máis ten que pasar para que o señor Rueda veña a Ourense a dar a cara, a pedir desculpas á cidadanía por a situación na que está o hospital e, sobre todo, que máis ten que pasar para que o señor Rueda aporte solucións aos problemas que ten a sanidade pública de Ourense”, reflexionou.

Neste sentido, a portavoz nacional criticou ao PP a súa “política de parches”, que non deixa máis que “chapuzas que paga a cidadanía de Ourense”, e a súa estratexia propagandística, ao anunciar compromisos que logo nunca cumpre.

Tal é o caso das obras de ampliación da área de hospitalización do CHUO, que levan medio ano paralizadas, das moitas promesas sobre unha UCI que ten menos camas das que tiña e sen a dotación de medios e profesionais que precisa ou co propio hospital Materno Infantil, cuxa reforma o Executivo de Rueda anunciou comezar en 2025 pero nos presupostos da Xunta para este ano consignáronse “cero euros para poder facer ese proxecto”, denunciou.

Pontón recalcou que a situación na que se atopa a sanidade pública galega “non chega por casualidade”, senón logo de “16 anos de recortes e privatizacións” dun Goberno do PP que, a maiores, “discrimina” á cidadanía de Ourense ao non estar tendo “a atención hospitalaria que merece en pleno século XXI”.

A portavoz do BNG incidiu en que o deterioro da sanidade pública responde á “ideoloxía dun Partido Popular que cre que coa saúde tamén se fai negocio”, tal e como pon de manifesto o incremento dun 18%, nada menos que 242 millóns de euros, nas derivacións de fondos públicos á sanidade privada que vén de denunciar o Consello de Contas ou o sobrecusto de 470 millóns pola construción privatizada do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

“Con eses 470 millóns de euros de sobrecusto que o Partido Popular fai que paguemos ás súas construtoras amigas ou a fondos voitre, teriamos un novo hospital en Ourense, que é o que se merecería a cidadanía ourensá, un novo centro hospitalario á altura do século XXI”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG