A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, cualificou o PP no Goberno da Xunta neste primeiro ano de lexislatura como “o máis antigalego e máis ultra ca nunca”, un PP que —censurou— dille “non a todo o que supoña un avance para Galiza” e que “prefire que os galegos e as galegas perdan antes que levarlle a contraria ao seu partido en Madrid”. “Cando ten que escoller a camiseta de Galiza e a do PP, escolle sempre a de Galiza”, sostivo.
Rodil aproveitou a reunión da Xunta de Portavoces na que fixou a celebración a próxima semana do Debate do Estado da Nación para facer balance do primeiro ano de lexislatura, doce meses non que os galegos e as galegas puideron ver “un PP encastelado” e agochado no seu “búnker” de San Caetano que “pasa o rodete do non” e “chapotea exclusivamente na propaganda”.
Das 176 propostas non lexislativas que se debateron e votaron nos plenos deste primeiro ano de lexislatura, subliñou, o PP rexeitou sete de cada dez, mentres que o Bloque votou a favor do 90 %, destacou Rodil, que exemplificou o non do PP a Galiza co seu rexeitamento da quita da débeda negociada polo BNG. “Prefiren que galegas e galegos teñan que pagar 4.000 millóns de euros aos bancos antes que aceptar a quita e investir máis en sanidade, educación, vivenda ou en políticas sociais”, manifestou.
No mesmo sentido, referiuse á negativa do Executivo de Rueda a negociar bilateralmente co Goberno do Estado un sistema de financiamento xusto que lle entregue ao País a chave dos seus cartos. O PP, agregou, posicionouse ademais en contra de todas as propostas do BNG para blindar os servizos públicos, para garantir máis benestar ás persoas maiores, ampliar a rede pública de escolas infantís ou de residencia, ter psicólogos/as nos centros de saúde, máis persoal de apoio para o alumnado con necesidades educativas especiais ou incrementar as axudas ás vítimas da violencia de xénero.
Tampouco tivo o apoio do PP a proposta para aumentar a 20 euros a hora o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar ou ampliar a rede Natura 2000 para garantir a protección da biodiversidade.
É por iso que, tras un ano de goberno, Galiza “non ten nada que celebrar”, dixo a viceportavoz nacionalista referíndose ao acto organizado hoxe pola Xunta, “por certo, cos cartos de todos os galegos e as galegas”.
Olalla Rodil acusou o PP “máis ultra” de gobernar sendo incapaz ademais de escoitar a opinión dos miles de galegos e galegas que durante este ano saíron á rúa para rexeitar a súa “política depredadora” en materia industrial e enerxética ou para defender a sanidade pública. No canto de escoitalos, o PP opta polo insulto, chamando “alboratadores”, “axitadores” ou “turba populista” a “calquera que pense diferente”, lamentou.
“Están botados ao monte”, criticou a deputada, para quen ademais este ano viuse “un PP encastaledo e tremendamente escurantista”, que “confunde a maioría absoluta co absolutismo e impide á sociedade do País acceder a información pública esencial”, como os contratos menores asinados pola Xunta con empresas amigas ou directamente vinculadas a familiares de dirixentes populares ou o contrato secreto que a Sociedade Impulsa asinou con Altri para a instalación dunha macrocelulosa en Palas.
Das 287 solicitudes de documentación que presentou o BNG, o PP négase a entregar o 60 %, precisou Rodil, que detallou que entre a información agochada no “búnker” de San Caetano figuran as listas de espera reais da sanidade pública, os expedientes sancionadores a empresas do transporte, as irregularidades na concesión do Hospital de Vigo ou o suposto Plan de marisqueo da Xunta que “ninguén viu”.
Nerviosismo ante unha alternativa forte
“A mellor mostra de como concibe a democracia, o pluralismo e o Parlamento o PP vémola na boca do propio presidente da Xunta en cada sesión de control: non responder a nada e insultar á líder da oposición e ao Bloque como única estratexia”, reprobou a deputada nacionalista, concluíndo que esa actitude denota, precisamente, o “nerviosismo” do PP ante a alternativa que representa “un BNG forte e cun proxecto sólido e solvente a favor dos galegos e as galegas”.
“Dese rumbo non nos vai desviar nin o ruído nin a crispación que o PP intenta trasladar por puro interese partidista desde Madrid á política galega”, advertiu.