Parlamento Galego

BNG denuncia a inacción da Xunta do PP ante a crise de vivenda para a mocidade na Coruña

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

"A falta de vivenda pública e residencias universitarias está a negar o dereito á educación superior a moitos mozos e mozas" advertiu Mercedes Queixas

O BNG reclama accións urxentes para evitar que a crise da vivenda siga sendo un obstáculo para a mocidade galega

A deputada coruñesa do Bloque Nacionalista Galego, Mercedes Queixas Zas, denunciou na Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos a inacción da Xunta do PP ante a grave crise de acceso á vivenda que afecta especialmente á mocidade universitaria na cidade da Coruña. Queixas destacou que a insuficiente oferta de vivenda pública, o aumento de prezos abusivos e a ausencia de prazas en residencias públicas están a crear un contexto de exclusión social que dificulta o acceso a estudos superiores.

“Unha situación límite” advertiu xa que na Coruña, preto do 39% do alumnado da Universidade da Coruña precisa dunha vivenda durante o curso académico. Con todo, a Xunta só ofrece 110 prazas na residencia pública Elvira Bao, unha infraestrutura que foi impulsada polo BNG en 2018. Ademais, hai máis de 20.000 vivendas baleiras na cidade e 3.517 persoas inscritas no rexistro do Instituto Galego de Vivenda e Solo, das cales 2.887 solicitan vivenda de promoción pública.

A deputada nacionalista criticou duramente a política do PP na Xunta de Galiza, que acumula 16 anos de recortes en vivenda pública (1.800 millóns de euros menos desde 2009) e só construíu 40 vivendas en réxime de aluguer en Xuxán. Tamén sinalou o fracaso do Plan Rexurbe, que apenas adquiriu dous inmobles sen rehabilitar, e o boicot á declaración de mercado tensionado solicitada polo Concello da Coruña.

Ante esta situación, o BNG presentou iniciativas concretas para garantir o dereito á vivenda e á educación como a creación dunha bolsa de vivenda pública para estudantes, mediante a compra, rehabilitación e construción de inmobles, a ampliación de residencias públicas, aproveitando infraestruturas existentes e terreos propiedade da Xunta ou a reserva de vivendas en solares cedidos polo Concello para aluguer asequíbel a estudantes.

"Como se explica ter matrícula gratuíta e non ter onde vivir? Esta é unha política excluínte e socialmente inxusta", declarou Queixas. A deputada exixiu á Xunta que asuma as súas competencias e orzamentos para dar solucións inmediatas, especialmente en terreos como os de Xuxán, preto do campus de Elviña.

O BNG reclama accións urxentes para evitar que a crise da vivenda siga sendo un obstáculo para a mocidade galega. "Se non hai vivenda protexida nin residencias públicas, estamos a roubarlle o futuro á nosa mocidade", concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG