BNG logra o apoio unánime no Parlamento para demandar ao Estado a mellora integral da N-120 entre Valdeorras e Ourense

Secundino Fernández
Secundino Fernández
O deputado Secundino Fernández esixe solucións ao “abandono histórico” da rede viaria na comarca,  que no caso da N-120 “chegou ao límite tolerable de mal estado”

O BNG acadou o apoio unánime dos grupos parlamentarios para demandar ao Estado levar a cabo a mellora integral da N-120 no tramo entre Valdeorras e Ourense. O deputado Secundino Fernandez encargouse de defender a iniciativa do Bloque para rematar cunha situación que chegou ao “límite tolerable de mal estado”, acusando o Ministerio de Transportes de manter a comarca “abandonada e illada”. “Os veciños e veciñas de Valdeorras están cansos de esperar e queren solucións xa”, proclamou.

Cualificou de “martirio” circular pola nacional e afirmou que o illamento ao que está sometida a comarca constitúe un “lastre para o desenvolvemento económico e social de Valdeorras”. Denunciou que a estrada conta con múltiples tramos deteriorados e sen capacidade para absorber o tráfico actual, representa “un risco constante” para a seguridade viaria e unha dificultade engadida para o transporte de persoas e mercadorías. 

A comarca de Valdeorras, integrada polos concellos de A Rúa, A Veiga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras, é a segunda máis poboada da provincia, con 25091 habitantes, o que supón o 9% da provincia, malia perder case 2.000 habitantes na última década. 

Para o deputado nacionalista, a economía da zona, baseada principalmente nos sectores da lousa e do viño, así como na construción e servizos, vese “gravemente afectada pola precariedade das comunicacións”, e lembrou que a N-120 é a única vía de saída cara a península pero tamén cara a Ourense, Santiago e o resto de Galiza.

Lembrou que as deficiencias da estrada foron denunciadas reiteradamente polo BNG, tanto no Parlamento como recollendo as queixas de veciñanza, persoal sanitario, empresas de transporte e condutores de ambulancias. “É urxente acometer a reforma integral desta vía e dotala da partida orzamentaria correspondente”, subliñou.

Fernández recalcou que, na actualidade, a N-120 carece de capacidade para absorber a circulación diaria, non só polo seu mal estado senón tamén pola escaseza de carrís de adiantamento, que o deputado ourensán exemplificou co tramo entre Ourense e Os Peares, con 18 km de liña continua en dirección Ponterrada e que, en sentido inverso, esa liña continua esténdese durante 28 quilómetros no alto da Guítara.. 

Por outra banda, recordou que en marzo de 2023, o Ministerio de Transportes aprobou un proxecto para a construción dun terceiro carril entre Ourense e a desembocadura do río Sil, nun tramo de 15 quilómetros. Porén, a pesar de comprometerse a licitar as obras antes de rematar o ano, o Goberno central incumpriu os prazos. En abril de 2024 aprobouse novamente o trazado definitivo, pero a contratación segue pendente.

“O tempo pasa e Valdeorras segue sen alternativas”, advertiu Fernández, quen urxiu ao Executivo galego a actuar con responsabilidade para rematar co illamento desta “preciosa comarca” e garantir unha conexión digna coa capital provincial, que está a 120 km —onde a xente acode ao médico, a facer xestións,  estudar ou aos seus traballos— e co resto de Galiza. 

Na iniciativa, que foi aprobada por unanimidade na Comisión 2ª, o BNG pedía o apoio dos grupos parlamentarios para instar á Xunta a demandar do goberno do Estado
levar a cabo unha mellora integral da estrada N-120 no tramo entre Valdeorras e a cidade de Ourense, realizar o proceso de contratación das obras do proxecto de terceiro carril  desde a cidade de Ourense e Nogueira de Ramuín no ano 2025, e destinar os fondos precisos dentro dos Orzamentos Xerais do Estado para realizar todas estas actuacións.

Fernández agradeceu na súa réplica o apoio do resto dos grupos á iniciativa do Bloque, reclamándolle á Xunta de Rueda “poñer da súa parte” á hora de reivindicar, aínda que non sexa competencia súa. “É importante que o noso Goberno se involucre e sexa o martelo pilón no Estado e defenda esta vía tan importante para a comarca”,  recordando que o ideal sería ter a Autovía A-76, cuxas obras seguen paradas. “O que non vale é a excusa desa obra para non arranxar a N-120”, rematou. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG