Pontón subliña o paso decisivo que supón a constitución da fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres para recuperar a xestión civil dun espazo que é símbolo de Galiza

Panteón de Galegas e Galegos Ilustres
Panteón de Galegas e Galegos Ilustres

“O conxunto da sociedade e especialmente a mocidade teñen que coñecer o esforzo de xeracións anteriores para manter a nosa identidade e cultura”

Confía en que a cesión por parte da Igrexa se faga coa máxima celeridade  

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, subliñou o “paso decisivo” que se ten dado este sábado coa constitución da Fundación do Panteón de Galegos e Galegas Ilustres para recuperar a xestión civil dun “espazo simbólico que define a nosa identidade como galegos e galegas”.

“O Panteón de Galegas e Galegos Ilustres é un símbolo de Galiza e claramente nos últimos anos non tivo o papel nin o recoñecemento que debería”, asegurou, polo que destacou o significado da constitución da fundación, froito da lei aprobada por unanimidade no Parlamento, para dar unha maior difusión do espazo no que repousan Rosalía de Castro ou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, entre outros intelectuais do País, e que atesoura “parte da nosa historia colectiva”.

Pontón, que asistiu ao acto celebrado en San Domingos de Bonaval, lembrou que a primeira en ser trasladada ao Panteón foi, precisamente, Rosalía de Castro e destacou, neste sentido, que é por iso que “todas as galegas debemos sentirnos tamén simbolizadas no recoñecemento á nosa gran poeta nacional”.

A fundación do Panteón, considerou, debe servir ademais, para que o conxunto da sociedade galega e, de maneira especial, a xente máis nova, coñeza “o esforzo de outras xeracións anteriores á nosa para seguir mantendo a nosa identidade, a nosa cultura, e para seguir mantendo vivos os elementos que nos definen como nación”.

A portavoz nacional precisou, por outra banda, que tras o acto de hoxe, quedan aínda pasos importantes para dar cumprimento á lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza, referíndose neste punto á cesión á fundación da Igrexa de San Domingos de Bonaval. Unha cesión que avogou por “facer coa maior celeridade” para que “poidamos poñer o Panteón no lugar que lle corresponde” como “símbolo de Galiza” e espazo que “nos permita unha maior cohesión como sociedade”.   

Pontón finalizou agradecendo o traballo de todas as persoas que estiveron involucradas no proceso de creación da fundación e salientando a relevancia da unanimidade das forzas políticas en torno ao significado que o Panteón ten para a identidade galega. “Hoxe é un día para que todas as galegas e galegos nos sintamos orgullosos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG