A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou “toda a solidariedade, apoio e cariño do BNG” á familia e amizades de Samuel nunha situación “de dor infinita”. “Que saiban que compartimos a súa dor e tamén a súa reclamación de xustiza”, salientou a líder do Bloque.
“Pon os pelos de punta que algo así poida pasar no noso País e pedimos que se investigue até as últimas consecuencias para facer xustiza ante este vil asasinato, que se investigue se detrás do asasinato de Samuel hai homofobia e que se vaia á razón última, porque de ser así engadiría gravidade á gravidade dun crime execrable porque estaríamos falando tamén dun delito de odio”, reflexionou Pontón.
A líder do BNG insta á sociedade a illar a quen promove a violencia e a intolerancia.
“Como sociedade temos que facer unha reflexión no só para deixar claro que a violencia non pode ter cabida senón tamén para illar a quen emite e promove eses discursos de odio. Porque detrás do machismo, do racismo, da xenofobia, de fobia LGTBI hai unha mesma raíz: a da intolerancia, á que hai que responder dicindo que eses discursos non teñen cabida na nosa sociedade e camiñar cara unha Galiza onde cada quen poida ser quen desexe”, alegou, tras expresar o apoio do BNG ás concentracións convocadas por todo o País baixo o lema “xustiza para Samuel”.