O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas lamentou que o Partido popular sega poñendo obstáculos para avanzar nos procesos de concentración parcelaria no concello de Agolada.
O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas explicou que sete das oito parroquias, incluídas nos proxectos de concentración parcelaria, son ribeireñas do río Ulla e con alta capacidade produtiva. Nestas condicións, dixo tamén se atopan as parroquias de Brocos e Sesto pendentes de iniciar o proceso.
Para o deputado, “o minifundismo en Galiza non é un atranco, é unha oportunidade” de aí a necesidade de axilizar os procesos de concentración parcelaria e a potencialidade das terras e criticou que o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, incumpra o compromiso contraído na súa visita as zonas afectadas para axilizar os procesos.
O nacionalista explicou que 17.400 parcelas, con 8,7 hectáreas por parcela, ofrecen grandes vantaxes, “os lindes perimetrais están marcados por montes comunais e as ribeiras do Ulla e Arnego e contan con importantes redes de infraestruturas”. Na súa opinión, a concentración parcelaria evitaría a construción de pistas e camiños sen xustificación. Por outra parte, a totalidade dos propietarios que demandan a concentración parcelaria representan o 40% do censo do concello de Agolada.
Nestas parroquias, engadiu Rivas, a poboación agarda pola concentración parcelaria para implementar novos proxectos, entre os que destacou: o cultivo do castiñeiro para froito, nogueira para froito e cultivo de maza e oliveira. A zona ademais, goza de especial relevancia para o cultivo de especies forestais autóctonas de alto valor para madeira como o castiñeiro, nogueira, freixo e piñeiro e resulta novidoso o cultivo da camelia para obtención de te polo clima da zona ao que sumou proxectos de cebo de vacún maior en extensivo e a semente de cereais.
Para o deputado, a iniciativa do BNG cumpriu un dos seus obxectivos aínda que fora rexeitada polo Partido popular porque hoxe mesmo antes do debate da nosa proposta foi concertada dende Medio Rural a reunión que reclamaba a Asociación Queremos parcelaria co fin de abordar os avances e procesos da concentración parcelaria.
O PP hoxe impediu un acordo para axilizar os procesos de reestruturación de concentración parcelaria nas parroquias mencionadas e iniciar novos procesos. Rivas avanzou que o BNG seguirá presentando iniciativas no Parlamento galego para acadar unha concentración parcelaria que poña “ en valor o potencial agrícola da comarca do Deza”, concluíu.