O portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas, defendeu unha moción instando ao goberno a “pagar as subvencións prometidas para a produción ecolóxica” e dar resposta ao gran número de solicitudes do ano 2022. Pola súa parte, o PP non se comprometeu a indemnizar ao colectivo afectado.
Na súa intervención, Rivas sinalou que ante a resposta das organizacións sindicais, agrarias e colectivo afectado, Medio Rural anunciou unha nova convocatoria para o ano 2023 con maior contía cando “seguen sen pagar as do ano 2022”.
O deputado explicou que o 14 de abril do ano 2021 foi modificado o PDR porque a consellería de Medio Rural prevía “un aumento de solicitudes” e no ano 2022 deuse un incremento espectacular de 13.301 has para a produción ecolóxica, circunstancia que o propio conselleiro, José González Vázquez, cualificou de “moi satisfactorio”. Neste sentido, o nacionalista preguntou porque si é tan satisfactorio vaise perder esta oportunidade, “busquen os cartos e paguen o que lle debe ao sector, 2,6 Millóns de euros”.
Rivas tildou de “esperpéntico” que por unha banda, non se paguen as subvencións prometidas e ao tempo a consellería anuncie unha nova convocatoria para o ano 2023 incrementando a súa contía para que poidan entrar todas as solicitudes, principalmente aquelas que non puideron facelo e quedaron fóra por conversión ou mantemento e cun compromiso de 5 anos. Para o deputado, este anuncio confirma a “metedura de pata” da consellería polo que pediu que “non agarde ao 2023 e comprometan o que lles deben formalmente”
A propia Unión Europea recomenda promover entre as persoas consumidoras que a detección e identificación dos produtos ecolóxicos, pero curiosamente, dixo, “a maior parte do ecolóxico comercializado en hipermercados e áreas comerciais, ven de fóra”, sobre todo de Etiopía.
O parlamentario do BNG explicou que o CRAEGA certificou o número de hectáreas o 1 de xaneiro deste ano, 49.000 ao que o conselleiro respondeu que era unha boa noticia e que as medidas do ano 22 estaban pensadas para consolidar a actividade ecolóxica en Galiza. Para o deputado, o que está a acontecer coas subvencións do ano 2022 é un disparate porque se de verdade queren dar seriedade a este asunto e chegar ao ano 2030 co 25% de superficie en ecolóxico como recomenda a UE, “fagan un esforzo económico e resolvan o conflito xerado no ano 2022”.
As manobras da consellería enlaman o problema e non dan unha solución real
“É necesario crer nas potencialidades das xentes e do territorio. Crer no pequeno e no mediano, no que non vende á distribución e prefire defender o seu produto directamente, porque ama o que fai, está orgulloso do que vende e avala cada chícharo, cada mazá, cada queixo, cada cebola, cada iogur, cada cacheira, cada pataca, cada castaña, cada un dos alimentos que vende coa súa presenza física e coa dupla satisfacción diaria, no km. 0 alí onde non se gravan con gastos esaxerados de combustibles nin con recargas dos portes nos prezos”, afirmou o deputado do BNG.
As manobras da Consellería tentando corrixir o suposto erro “non fan máis que enlamar o problema máis e máis”. Recapaciten e paguen o que prometeron porque “paga a pena” e resulta necesario para o noso país.
O portavoz de Agricultura do BNG, lamentou que, unha vez máis, o Partido popular non escoite ao sector da produción ecolóxica e perda a grande oportunidade de revitalizar, social e economicamente, o medio rural.
A moción defendida polo nacionalista, Xosé Luís Rivas foi rexeitada polo Partido popular.