A situación alarmante do idioma galego centrará a pregunta ao presidente da Xunta no vindeiro Pleno. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntaralle a Alfonso Rueda se vai asumir responsabilidades e derrogar o “decreto da vergoña”, que está facendo “caer en picado” o uso do galego entre a xente nova.
Así o anunciou a viceportavoz Olalla Rodil na rolda de prensa posterior á Xunta de portavoces, despois de que o PP vetase a petición do BNG dunha comparecencia urxente do xefe do Executivo para que dese explicacións sobre os datos do estudo realizado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o coñecemento do galego. “Non vai poder escorrer o bulto”, manifestou, porque “o estudo é demoledor e evidencia que as políticas antigalego do PP están sendo nefastas”.
“O máis grave é que a Xunta do PP non só non está cumprindo coas súas obrigas, como normalizar a lingua galega, senón que está impedindo directamente coñecer o seu propio idioma a unha parte fundamental do noso País”, criticou.
No estudo realizado polo IGE constátanse , entre outros datos preocupantes, que o 32% das nenas e nenos menores de 14 anos (que están dentro das etapas obrigatorias de ensino) din descoñecer o galego, e máis da metade nesa mesma franxa de idade non o falan nunca.
“Como vai usar a lingua quen non a coñece?”, preguntou Rodil, para incidir en que esas persoas foron educadas e están sendo escolarizadas baixo “o decretazo imposto polo PP no ano 2010, que impide e prohibe” impartir materias científico-tecnolóxicas en galego ou que exclúe case por completo o noso idioma das etapas infantís. “A política que exclúe a lingua galega e vulnera os dereitos lingüísticos das galegas e galegos trae estas consecuencias”, lamentou.
“Isto é gravísimo, e o presidente da Xunta ten que vir aquí dar a cara, comparecer e dar explicacións”, subliñou, engandindo que ademais é “a persoa que se puxo á fronte das manifestacións contra o galego en 2009”. “Igual o que buscaba o señor Rueda coas políticas antigalego era o que pedían naquelas manifestacións hai dez anos, borrar o galego do mapa”, manifestou.
Duplicar a porcentaxe de vivenda pública e o destinar o 3% dos orzamentos para I+D+I
Por outra banda, Rodil avanzou que o BNG levará ao próximo Pleno unha proposición non de lei para pedir a mobilización de vivenda baleira e, como mínimo, duplicar a porcentaxe de promoción pública.
“Diante da propaganda do PP na Xunta, pedimos compromisos concretos e reais para garantir o dereito á vivenda”, manifestou, para denunciar que desde o Executivo de Rueda se anuncia, nun “baile de cifras”, que vai construír máis de 3.400 vivendas cando, en realidade, son inmobles que levan anos pendentes de desenvolvemento en solares que eran propiedade da Xunta de Galiza xa hai 15 anos, advertiu.
Rodil exemplificou estes datos coas 1.600 vivendas previstas no Polígono de Actuación Urbanística (PAU) de Navia en Vigo, ou as 300 que se anuncian no alto de Garabolos en Lugo, que “xa estaban pendentes de construír desde o Goberno do BNG na Xunta de Galiza”, aclarou.
“Isto non é serio, diante dun problema tan grave, que está excluíndo dun dereito fundamental a milleiros de galegas e galegos, necesitamos políticas decididas, compromisos concretos e realistas para garantir ese dereito”, reclamou.
É por iso que desde o BNG se aposta por mobilizar inmobles baleiros para poñelos a disposición de persoas que a necesitan e por impulsar a construción de vivenda pública. Este último punto centrará a PNL do grupo nacionalista, cunha batería de medidas neste ámbito das que Rodil destacou a de “duplicar, como mínimo a porcentaxe de vivenda de promoción pública sobre o total das vivendas protexidas que a Xunta está anunciando na estratexia de vivenda co horizonte de 2028”, subliñou.
Por último, Rodil fixo referencia a outra PNL sobre unha cuestión estratéxica para o Bloque, a de “impulsar a ciencia e o coñecemento como motor de desenvolvemento económico no noso País”. A piques de comezar a tramitación dos orzamentos par 2025, o BNG pedirá que se destine o 3% deses orzamentos a I+D+I, e para que se deseñe, en diálogo con todos os axentes do ecosistema investigador galego, unha “carreira investigadora completa”, en todas as etapas, desde a formativa á profesionalización, que “estea á altura do potencial que ten Galiza nesta materia”. Rodil asegurou que “sen ciencia non hai futuro pero sen investigadores non se pode facer ciencia”.
A preguntas de xornalistas sobre a comisión de investigación impulsada polo BNG sobre as irregularidades nas contratacións da Xunta, Rodil insistiu en que espera que “o PP non utilice a súa maioría absoluta para bloquear os traballos e o correcto funcionamento da comisión” e impedir así que se acade o obxectivo coa que foi creada.
Tamén respondeu ao último anuncio do PP de rescatar catro autovías galegas. Rodil amosouse sorprendida de que “se rescaten unha pero outras non” e emprazou a Rueda a explicar por que quedan fóra a de Carballo ou a do Baixo Miño.