A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, subliña a necesidade de estreitar lazos coas forzas antiimperialistas para loitar contra as desigualdades e o avance do fascismo. Así o salientou no “Encontro Antiimperialista de Solidariedade, pola Democracia e contra o Neoliberalismo”, que se celebra na Habana entre o 1 e o 3 de novembro e que ten por obxectivo buscar unha ampla unidade das forzas da esquerda, así como o fortalecemento da solidariedade entre os pobos pola democracia e contra o neoliberalismo e condenar o bloqueo de Cuba.
Ana Miranda salienta que este encontro, organizado polo Instituto Cubano de Amizade cos Pobos (ICAP), a Central de Traballadores de Cuba (CTC), o Capítulo Cubano dos Movementos Sociais e a Xornada Continental pola Democracia e contra o Neoliberalismo, celébrase en medio de resultados electorais e protestas populares en América Latina contra as políticas neoliberais. “Estes resultados danos un chisco de esperanza”, indica ao respecto.
O encontro tamén ten por fin denunciar e condenar as sancións de Estados Unidos contra Cuba, así como o bloqueo que afoga o pobo cubano dende hai 60 anos. “O BNG condenou sempre e condenará as sancións ao pobo irmán de Cuba, como así denunciou sempre con diversas iniciativas que levaron a cabo no Congreso e no Parlamento Europeo”, subliña Ana Miranda.
“Analizaremos polo miúdo diversas cuestións da actualidade xeopolítica”, explica a coordinadora de Relacións Internacionais do Bloque, a respecto do contido do encontro, organizado en diversas comisións temáticas, de forma que os debates xirarán en torno á solidariedade con Cuba, o libre comercio e as transnacionais, a guerra cultural, a soberanía, a comunicación e a xuventude. “Tamén falaremos da situación de Porto Rico, o pobo Saharaui, o pobo Palestino e a inxustiza que supón que Lula estea aínda en prisión”, engade.