O BNG participa na Diada e traslada o seu total apoio ao proceso soberanista do pobo catalán

Bieito Lobeira, Ana Miranda e Rubén Cela. Diada 2018
Bieito Lobeira, Ana Miranda e Rubén Cela. Diada 2018

O BNG participou un ano máis nos actos de celebración da Diada convocada baixo o lema "Fem la República catalana", cunha delegación integrada polo responsable de Organización, Bieito Lobeira, e polos cargos políticos responsables da coordinación da Área de Internacional, Ana Miranda e Rubén Cela.

Con esta participación, xunto con militantes da formación nacionalista na emigración, o Bloque volve evidenciar o seu total apoio ao dereito do pobo catalán para decidir libremente e con todas as garantías a súa relación co Estado español, a través dun referendo de autodeterminación.

Igualmente, con esta ampla representación, o BNG segue a reforzar os lazos de unión co movemento soberanista en Catalunya e traslada, unha vez máis, a súa solidariedade cos presos e presas políticas na súa loita por acadar a república catalá independente, no exercicio do dereito de autodeterminación dos pobos.

Como é habitual, a delegación do Bloque depositou unha ofrenda floral diante do monumento a Rafael Casanova e reclama unha solución política que respecte a liberdade e a democracia.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG