O portavoz de Medio Rural do Bloque Nacionalista Galego, instou a través dunha Proposición Non de Lei ao goberno do Partido Popular na Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, permitir que as persoas titulares de explotacións agrarias teñan opción de tramitar calquera expediente de forma presencial.
Unha das principais preocupacións do sector agrario son os trámites ante a administración. Secundino García salientou que os produtores teñen que realizar numerosos trámites para calquera cousa relacionada coas súas explotacións, esta grande carga burocrática “vese agravada polo feito que ten que ser todo de xeito telemático”.
O desmantelamento progresivo das oficinas agrarias comarcais, agora oficinas rurais “é un feito constatábel”. O deputado nacionalista manifestou que “parece que a política do PP é aburrir ao sector agrogandeiro cunha grande carga de trámites” e por outra banda diminución progresiva dos servizos administrativos e técnicos das oficinas agrarias de atención ao público.
Por si non chegara a burocratización, tamén se implantou a tramitación telemática para a totalidade das relacións dos titulares das explotacións coa administración. Esta obriga de tramitación telemática leva consigo que todas as persoas titulares de explotacións teñan que ter coñecementos informáticos e teñan que dispor de conexión a internet. “Cáeche a alma aos pes ter que dicirlle a unha persoa que non ten coñecementos informativos, que ten que facer ese trámite de forma telemática”. Secundino García denunciou que esta obriga “supón un incremento de custes” e dificulta enormemente a viabilidade e permanencia das explotacións agrarias galegas.
O BNG aposta por que todas as persoas teñan a opción de dirixirse de forma presencial a administración; unha opción que non impide a que as persoas que así o desexen podan tramitar de forma telemática. “A Xunta de Galiza non pode obrigar as persoas a dirixirse de forma telemática a administración, non pode tratar deste xeito a miles de persoas” concluíu.
A iniciativa presentada polo BNG para facilitar a tramitación de xeito presencial nas oficinas agrarias, non saíu adiante cos votos en contra do Partido Popular.