A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Iria Taibo, preguntou en sesión plenaria este mércores no Parlamento pola grave situación de saturación do transporte por autobús na comarca da Coruña, tanto no que se refire ás reorganizacións das liñas que conectan Sada e Oleiros coa Coruña, como polas queixas xeneralizadas das persoas usuarias do servizo en toda a comarca.
As modificacións implantadas en xuño consistiron na división de varias liñas por medio das denominadas “lanzadeiras”, que paran no lugar da Valexa, no límite entre Oleiros e Sada, obrigando os usuarios e usuarias a longas esperas (entre 20 e 40 minutos ) e a atravesar a rúa, nunha zona pouco urbanizada e sen servizos, complicando o transbordo para persoas con limitacións de mobilidade e de tempo, a pesar de que a Xunta afirmaba que se trataba dunha “racionalización”.
As sucesivas mudanzas que se produciron durante o verán, tras as reiteradas queixas dos usuarios e usuarias, “de feito, a comezos do mes de agosto constituíuse a Plataforma polo Transporte Público Digno e a Recuperación das Liñas da Costa de Sada-Oleiros-A Coruña” e dos concellos de Oleiros e Sada, seguen sen resolver o problema, polo que Iria Taibo afirma que a única interesada nestes cambios é a empresa concesionaria. A deputada nacionalista preguntou ao Conselleiro de Presidencia e responsábel da área de Mobilidade, cales van ser as medidas que vai implantar o goberno galego para obrigar a concesionaria a cumprir co servizo correctamente e a protexer os intereses dos usuarios e usuarias.
Ademais da conexión destes dous concellos, son numerosas as queixas de usuarios e usuarias do autobús metropolitano en toda a comarca: atrasos, total ausencia de información, falta de adecuación das liñas e frecuencias á realidade das usuarias, coches non axeitados para o tipo de desprazamentos que se producen, autobuses saturados, con situacións nas que en moitas ocasións quedan viaxeiros nas paradas por falta de espazo, entre outras deficiencias.
Na data de inicio do curso escolar, e coa volta á rutina laboral de moitas persoas, a deputada do BNG convidou a Diego Calvo “a achegarse á Ponte da Pasaxe ás 8 da mañá para verificar a urxencia dun transporte público axeitado ás necesidades das usuarias e usuarios”.
As limitacións actuais deste servizo, que non está deseñado para adecuarse á realidade social, levando os usuarios aos principais centros de emprego ou de lecer da comarca, obrigan a moitas persoas a usar o seu vehículo privado para poderen acudir aos seus centros de traballo con importantes consecuencias tanto para o medio ambiente como para a mobilidade.
O BNG lembralle ao Conselleiro que o deber da administración pública é velar por que os servizos públicos funcionen correctamente, desde o punto de vista das persoas usuarias, e que ademais de defender un servizo adecuado de conexión de Galiza con Madrid, debería traballar para que o servizo de transporte metropolitano na comarca coruñesa funcione, xa que é competencia súa e que o precisan a diario moitas persoas.