parlamento galego

BNG insta ao Goberno do PP a implicarse na mellora das condicións laborais das persoas

Ramón Fernández Alfonzo
Ramón Fernández Alfonzo

Reclámalle actuar de oficio diante dos conflitos laborais coma o que están a sufrir 12.000 mulleres do sector da limpeza na provincia da Coruña

O portavoz de Emprego, Ramón Fernández Alfonzo defendeu na Comisión 3ª unha proposición non de lei na que se insta á Xunta do PP a implicarse na “mellora das condicións laborais das persoas”, referíndose a que “debería actuar en conflitos laborais ao “ter unha posición de forza para chamar á orde” ás empresas que non cumpran cos dereitos dos traballadores e traballadoras.

Como exemplo, o deputado nacionalista trouxo hoxe ao Parlamento, o conflito laboral no que se atopan as máis de 12.000 mulleres do sector da limpeza de edificios e locais da provincia da Coruña. Reclamou que “a Xunta debería mediar con máis razón nestes casos de emprego moi feminizado e con salarios que non chegan aos 15.000 euros anuais brutos, 1.237 euros por debaixo do SMI 2024”.

No caso concreto deste colectivo, pídelle ao Executivo de Alfonso Rueda  a dirixirse ás empresas contratistas, requiríndolles “o cumprimento efectivo e ao día das súas obrigas salariais e sociais”, e “lembrándolles que o seu incumprimento pode ser motivo de rescisión do contrato”, así como “a defensa da negociación colectiva”.

Neste senso, denunciou “a ameaza explícita por parte da patronal estatal de bloquear a negociación colectiva se se ven obrigados a cumprir co pactado”, referíndose á negociación que xa tiña que estar en marcha desde xaneiro e que, a día de hoxe, segue sen acordarse, o que “supón que esas 12.000 traballadora non poidan actualizar os seus salarios.   

O BNG rexistrou esta iniciativa o 17 de maio, cando estaban tendo lugar as mobilizacións das traballadoras, e, asegurou Fernández Alfonzo, “será grazas a esas mobilizacións e a esa presión sindical, que consigan un acordo”, o que non quita que o Goberno do PP poida preocuparse de que “12.000 persoas non cheguen ao salario mínimo interprofesional e sexan sometidas a esta chantaxe por parte dunha patronal estatal que non cumpre co pactado”.

En contraposición, quixo deixar claro que, as empresas pequenas da patronal da provincia da Coruña “si están cumprindo desde o primeiro momento”. Os que mais diñeiro teñen, dixo, “non compren co pactado”.  “Vostedes con quen están?”, preguntou.

A raíz do conflito neste convenio colectivo está nunha cláusula de revisión salarial que opera a finais da vixencia do convenio, pola que a empresa deberá compensar a diferenza do IPC real acumulado durante a propia vixencia respecto das subas anuais pactadas. Esta cláusula permítelle ao persoal garantir o mantemento do seu poder adquisitivo.

A 1 de xaneiro deste ano, esta diferenza estaba no 9,8%, e tal e como indican desde as centrais sindicais, “hai que aplicar  a actualización das táboas antes de iniciar a negociación do novo convenio”.

Na iniciativa, o BNG denunciaba que, na primeira reunión da comisión paritaria para abordar esta cuestión, tanto a asociación patronal provincial como a estatal ASPEL (integrada por empresas tan poderosas como Eulen, Clece, FCC, Sacyr, Serveo, Ingesan, Lacera ou Ilunion) recoñeceron esta obriga e así quedou reflectido en acta.

Porén, iniciada a negociación, ASPEL descólgase e di que asumir esa obriga significa non negociar o novo convenio, e mesmo se negou a participar dunha mediación no AGA instada por CIG e UGT, á que a patronal provincial si estaba disposta a acudir.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG