O Bloque Nacionalista Galego vén de participar na multitudinaria mobilización que arrodeou a Xunta de Galiza con máis de 30.000 persoas en contra da macrocelulosa ALTRI convocada por “Plataforma Ulloa Viva” e a “Plataforma En Defensa da Ría de Arousa”. Como xa se viu na manifestación de Palas de Rei, hai unha maioría social que rexeita a instalación deste proxecto polo enorme prexuízo que tería para o río Ulla, para a ría de Arousa e para o conxunto do País.
A viceportavoz primeira do BNG, Olalla Rodil, salientou que “desde o BNG pedímoslle ao Goberno do Partido Popular na Xunta que non impoña a construción dunha fábrica de celulosa na Ulloa que sería unha auténtica bomba ambiental no corazón de Galiza”.
O proxecto industrial que Altri quere desenvolver en Palas de Rei, suporía un golpe mortal para unha comarca viva na que se asenta un sector agrogandeiro vizoso e produtivo, “lembremos que a Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa representa a segunda de maior produción de todo o Estado español” subliñou Rodil.
Ademais, suporía un enorme prexuízo ambiental para un dos bens máis preciados que temos como é a auga, tanto no río Ulla como para na ría da Arousa. Olalla Rodil apuntou que “a Arousa produce o 70% do mexillón de Galiza e viven deste ecosistema único máis de 4 mil familias”.
A fábrica de Altri representa o modelo económico máis nocivo para este País. “Un modelo depredador e colonial” salientou Rodil. “Queren instalar no noso País unha fábrica contaminante que non queren en Portugal e que non pecha ningún ciclo produtivo en Galiza”. O BNG xa denunciou que o interese de Altri é producir 400 mil toneladas de celulosa para exportar deixando en Galiza un dano irreparable.
A viceportavoz nacionalista salientou que o Partido Popular quere que todas e todos nós paguemos con cartos públicos a destrucción deste país, 250 M€ que o PP quere conceder a Altri “para contaminar Galiza”.
“No BNG non o imos permitir, por iso estamos hoxe aquí, e seguimos defendendo que ese diñeiro público se invista no beneficio non dunha empresa portuguesa senón en beneficio de Galiza e das galegas e galegos”.
Neste sentido, o BNG segue a defender que os 250 M€ públicos que o PP quere darlle a Altri se invistan un plan dirixido a “rexenerar o río Ulla e a ría de Arousa”, así como “pechar ciclos produtivos que xeren valor engadido e riqueza aquí a través dun monte multifuncional e de proxectos de transformación agrogandeiros.
“Pedímoslle ao Partido Popular que deixe de porlle a alfombra vermella a esta empresa que quere instalar no corazón de Galiza unha auténtica bomba ambiental e que, por unha vez, se poña do lado dos galegos e das galegas” concluíu Rodil.