parlamento galego

BNG exixe a Ethel Vázquez que cese o trato de favor a Monbús

Paulo Ríos
Paulo Ríos

Paulo Ríos leva ao Pleno a xestión irregular do transporte tras as últimas sentenzas xudiciais e o informe de fiscalización do Consello de Contas

Advirte de que a falta dun  plan de inspeccións permite ás concesionarias suprimir paradas e prazas ou usar vehículos en estado deficiente

O deputado do BNG Paulo Ríos reclamou este luns á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que cese o “trato de favor e a conivencia” entre a Xunta e a empresa Monbús na xestión do transporte público por estrada. Un trato privilexiado que queda patente coas últimas sentenzas xudiciais e o informe do Consello de Contas, e que condiciona o mercado prexudicando ás pequenas e medianas empresas do sector, aos traballadores e, sobre todo, ás persoas  usuarias dos autobuses.

Paulo Ríos referiuse na rolda de prensa ás sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que “tombaron” xa en marzo a licitación de contratos do transporte por atopar indicios de reparto ilegal do mercado entre Monbús e Alsa. Ditas sentencias foron ratificadas en outubro polo Tribunal Supremo tras un recurso de casación presentado pola Xunta, “cuxas costas pagarán todos os galegos e que supón un novo intento do Goberno do PP de tapar a súa conivencia e trato de favor”.

Segundo explicou Ríos, a sentenza apunta a irregularidades no proceso de contratación ao saltárense preceptos dos pregos administrativos,  “permitindo que avanzase o monopolio do Grupo Monbús neste caso cun reparto do mercado con Alsa”. As dúas empresas, engadiu, non poden concorrer en UTE “porque non teñen xustificación de falta de recursos para poder afrontar un proceso de licitación por separado”.

“Son actividades contrarias á competencia”, subliñou o deputado, que pedirá explicacións á conselleira no Pleno desta semana logo de negar o PP a comparecencia da titular de Mobilidade para render contas por un “entramado” no que incluíu tamén a Comisión Galega da Competencia, cuxo presidente, Ignacio López-Chavez, foi delegado da Xunta en Vigo. Só tras o fallo do Supremo, Competencia anunciou a apertura dun expediente sancionador que Monbús minimizou de maneira inmediata.

Aos “paos xudiciais” á xestión do transporte da Xunta súmase o informe de fiscalización do Consello de Contas, que ademais de por de manifesto que a Consellería “está favorecendo a concentración do mercado”, advirte de que non existe un plan estratéxico para o control e inspección dos contratos de transporte, de maneira que “se abre un gran espazo para que as empresas, neste caso fundamentalmente Monbús, teñan vía libre para facer o que queiran”. Referiuse, neste sentido, á falta de ferramentas para verificar os certificados ambientais dos vehículos, a antigüidade e o estado destes, ou o funcionamento das liñas contratadas, con paradas que se suprimen, horarios que non se cumpren, falta de prazas ou matrículas de autobuses que se duplican en diferentes concesións sen posibilidade de compartir rutas.

 

“A Xunta abdica na responsabilidade de control e inspección”, censurou Ríos Santomé aludindo de novo ao informe de Contas para criticar a externalización do servizo, a través dunha consultora, para a valoración e seguimento das ofertas do transporte. “Deixamos o raposo ao coidado das galiñas”, apuntou.

 

Para o deputado nacionalista, o “trato de favor” que a Xunta do PP concede a Monbús está a prexudicar ás pequenas e medianas empresas do sector, que non teñen capacidade para optar ás concesións mentres Monbús participa en case o 90 % das UTES que concorren nun modus operandi co que intenta eludir o número máximo de concesións ás que pode presentarse e que xa foi rexeitado polo Goberno de Aragón.   

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG