A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil avanzou que o BNG encara o Debate de Investidura cunha batería de propostas económicas e sociais contra a inflación e o deterioro da Sanidade pública.
Rodil afirmou que estamos nunha crise económica sen precedentes dende hai 40 anos e o máis inmediato, é poñer en riba da mesa “medidas para resolver os problemas dos galegos e galegas” pola alza brutal de prezos. Neste sentido, anunciou que o BNG defenderá “mobilizar 700 millóns de euros para rescatar aos sectores da sociedade máis afectados e as persoas en situación de pobreza e rico de exclusión social”.
Por outro lado, engadiu que outra das propostas vai na senda de “fortalecer a sanidade pública” e de maneira especial, a Atención primaria, “base do sistema sanitario galego” para iso, dixo, é preciso “un plan de choque con 200M€, a maiores” para garantir o dereito das persoas á saúde e que non debamos agardar para que nos atenda o médico ou médica de cabeceira.
Rodil tamén anunciou un “plan de transformación e modernización da economía galega” ante a urxencia dos problemas e os retos do futuro acelerados pola pandemia, entre os que destacou, “o cambio climático e a transición enerxética”. Necesitamos, remarcou, xerar de postos de traballo a través do peche de ciclos produtivos, modernizar e innovar o tecido empresarial e “apostar pola investigación, desenvolvemento e innovación e xeración de coñecemento” como panca para o desenvolvemento económico, social e humano.
A preguntas dos xornalistas sobre o novo goberno dirixido por Alfonso Rueda, Rodil aseverou que o BNG non está preocupado “polos novos nomes e caras”, ao BNG o que realmente lle preocupa, explicou, “son as políticas” e moito nos tememos que van ser continuístas insistindo “nas políticas fracasadas dos últimos 13 anos do Partido popular”.
Dende o BNG apostamos por “un cambio real que transforme e mellore as condicións de vida e traballo das persoas deste país” e isto é o que ofrecemos, alternativas e proxectos reais.
A deputada cualificou ao PP de “partido do non” e recalcou que e os galegos e galegas precisamos un “goberno do si” representado polo Bloque Nacionalista galego con “propostas, alternativas e proxectos” e esperanza para o noso país. Nesta liña, lembrou que na actualidade a mocidade debe resignarse a un contrato precario ou coller as maletas, “disto é do que queremos falar” e por iso continuamos defendendo propostas” que o Partido popular vota sistematicamente en contra. Quen o partido do non? preguntou.
Sobre a agresión do alcalde de Ourense a unha sindicalista, Rodil asegurou que “o Partido popular é responsable do que ocorre en Ourense dende as últimas eleccións” porque puxo e sostén, a día de hoxe, a “un alcalde cunha actitude violenta e autoritaria”.
A xuízo da nacionalista, é “inadmisible” nun sistema democrático que se produzan estas situacións e dende o BNG dicimos que “Jácome non pode continuar nin un minuto máis na alcaldía e o Partido popular debe deixar de apoiar a quen actuou e actúa desta maneira”.