O BNG desenvolverá un plan estratéxico para impulsar o sector do videoxogo e converter Galiza nunha referencia estatal e mundial. Así o manifestou o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, na súa visita ao Museo do Videoxogo –MuVi- hoxe en Cangas, onde subliñou que a industria do videoxogo a nivel internacional está en expansión e ten unha grande relevancia económica, social e cultural incluso maior que a industria audiovisual. “Hai un grande potencial e Galiza e o galego non poden quedar á marxe”, destacou.
Bará afirma que dende a Xunta de Galiza o Bloque desenvolverá un plan director para a industria galega co fin de apoiar e fortalecer o tecido empresarial. Subliñou que o goberno liderado por Ana Pontón traballará na necesaria formación especializada nos múltiples ámbitos implicados no desenvolvemento dos videoxogos (ilustración, música, deseño, TIC, tradución e interpretación, guións, entre outros).
Explicou que se fomentará a creación de proxectos e contidos tendo en conta os diferentes aproveitamentos que se poden facer do sector, xa ben lúdicos e de lecer, ou tamén educativos e para outros usos, como a promoción económica, o turismo, o patrimonio ou a xestión cultural e administrativa. Neste sentido, indicou que é fundamental promover contidos “con visión de país e en galego en todos os ámbitos”.
A administración galega debe ser “un motor e un tractor de actividade nos videoxogos e os produtos dixitais”, dixo o nacionalista, “e potenciar un sector que ten grandes posibilidades a nivel de movemento económico e na creación de postos de traballo de diferentes sectores”, fomentando tamén eventos e actividades.
Sinalou Bará que o BNG no goberno galego quere facer atractiva a industria galega neste sector tamén para traer de volta a unha parte do talento e profesionais que tiveron que marchar porque non tiñan oportunidades no país. Salientou a importancia de mellorar as condicións laborais e eliminar a temporalidade. “Queremos posicionar Galiza dentro do panorama estatal como unha potencia do videoxogo”, fixo fincapé.
O nacionalista, acompañado do tamén candidato Paulo Ríos (Kai) e da alcaldesa de Cangas Araceli Gestido puxo en valor a apertura do MuVi en Cangas, do que dixo é un proxecto que “serve de arquivo da evolución do sector e para a divulgación de tendencias nun ámbito no que hai moito dinamismo, evolución e transformación”.
O MuVi de Cangas é o primeiro Museo de Videoxogos de España. Naceu en 2019 e hoxe en día ten 330 metros cadrados de zonas de exposicións e divulgación, 2.020 videoxogos “de hoxe e sempre”, 105 videoxogos galegos preservados e 400 pezas de hardware conservadas.