BNG denuncia que 120.000 fogares afectados pola suba de xuros hipotecarios en Galiza terán que aguantar “o tirón” sen axuda do goberno galego

Mon Fernández
Mon Fernández
Ramón Fernández lamentou que, unha vez máis, a Xunta non ofreza ningunha alternativa ao encarecemento das hipotecas con graves  consecuencias para miles de persoas que deberán asumir na cota mensual do 35% ao 60% 

O deputado do BNG, Ramón Fernández denunciou, a través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, que 120.000 fogares galegos terán que aguantar “o tirón” da suba dos intereses hipotecarios “sen ningunha axuda da Xunta”.

O nacionalista explicou que o EURIBOR, a 12 meses, pechou o mes de  xaneiro no 3,33% marcando o nivel máis alto desde o ano 2008, e o Banco Central Europeo  xa anunciou unha nova suba dos tipos de xuro, de 0,5 puntos, ademais de avanzar que esta tendencia continuará mesmo alcanzando os 4 puntos no mes de marzo.

Esta suba de intereses afecta a todas as persoas cunha hipoteca contratada  con un tipo de xuro variábel, que son “a maioría das hipotecas vivas a día de hoxe”. Nesta clase de hipotecas o tipo de xuro recalcúlase  cada certo tempo e na  maioría dos casos unha vez ao ano.

O nacionalista advertiu que o  tipo de xuros a partir do EURIBOR do primeiro mes do ano experimentaron unha suba na  cota mensual de entre o “35 e o 60 por cento”, dependendo da  cantidade do préstamos,  antigüidade da hipoteca e  diferencial sobre EURIBOR contratado.

Por outra parte, dixo, segundo datos do Instituto Galego de Estatística,  “máis de 175.000 fogares galegos teñen hipotecas” das que unha maioría foron contratada a tipo variábel. Se estima, engadiu que “o 70%, máis de 120.000, poden estar afectadas” e cunha suba de entre 180 euros a 300 euros na cota mensual.

O Goberno galego debe actuar  e presentar alternativas a suba de xuros

A xuízo do deputado, a situación xerada pola suba dos intereses hipotecarios debe preocupar ao goberno galego porque se produce nun momento de inflación disparada e cunha grave perda de poder adquisitivo dos salarios, “sobre todo aquí na Galiza”, superior á media estatal. O IPC galego, explicou Mon Fernández rematou o ano co 6,4% fronte ao 5,7 estatal  e o encarecemento das hipotecas súmase “a unha renda xa reducida” na maior parte dos fogares.

O deputado criticou que a gran beneficiada polo aumento de xuros é “a banca” con beneficios récord como confirmaron algunhas entidades entre as que destacou ao BBVA, con 6.420millóns de euros de beneficios, os máis altos en 14 anos, ou o Banco Santander con 9.605 millóns de euros, o seu récord histórico, e que serán destinados sobre todo a reparto de dividendos e recompra de accións, é dicir, a “mimar aos seus accionistas”, non a crédito nin a impulsar a economía.

As consecuencias da crise e da suba de hipotecas deberían facer que o goberno galego reaccione pero, unha vez, afirmou o nacionalista,  atopamos un goberno que   responde con escusas e culpabilizando ao goberno central. Nesta liña, destacou que o BNG “ non  está a favor das  medidas do goberno do estado  no referido ao  código de boas prácticas ao que se foron adherindo as entidades bancarias e que basicamente promoven acordos de reestruturación da débeda e en última instancia a dación en pago”. E non entendemos como a Banca non devolve todo o parte do diñeiro recibido en concepto de rescate nun contexto de crise e no que urxe impulsar a economía.

Tras a intervención do Director Xeral de Política financeira, David Cabañó Fernández que eludiu comprometer ao goberno galego a aplicar medidas para rescatar ás persoas gravemente afectadas pola suba das hipotecas, o nacionalista, replicou que o goberno galego cínguese a “compartir as previsión dos analistas sobre a evolución dos tipos de xuro” pero non ofrece ningunha alternativa para protexer ás persoas afectadas.

Na réplica a Cabañó, o  deputado foi especialmente crítico coa Xunta na súa valoración positiva do Código de boas práctica e diálogo entre o goberno e as entidades bancarias, “mira ti por onde”, ironizou.

Unha vez máis, dixo, constatamos como o Goberno galego non ten previsto actuar, “non quere facer nada e a Xunta nin está nin se lle espera”.

A xunta non se pronuncia sobre si vai recuperar o diñeiro do rescate bancario e utilizalo para “recatar ás familias”. O seu silencio, resulta moi elocuente e demostra que o goberno galego considera que “os cartos están ben onde están” e as familias galegas van ter que aguantar “o tirón” sen ningún tipo de axuda do goberno galego, lamentou.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG