A formación nacionalista denuncia que baixo unha suposta valorización dos residuos se facilite casos de gravísimo impacto ambiental, como o vertedoiro de Miramontes en Grixoa, en Santiago de Compostela.
Ou tamén o caso da canteira de Casalonga, en Teo, onde amparándose na normativa estatal está previsto verter até 10 millóns de metros cúbicos de residuos inertes de construción e lodos que, baixo unha pretendida restauración ambiental, en realidade termine sendo unha porta traseira para residuos sen control dando lugar a vertedoiros encubertos.
Neste sentido, os deputados Luís Bará e Xosé Luís Rivas, presentaron unha detallada lista de correccións con propostas alternativas ao articulado do real decreto que ultima o Ministerio de Transición Ecolóxica, porque consideran que se perde unha oportunidade para acabar coas malas e abusivas prácticas na xestión do lixo, facendo pasar por valorización de residuos o que non é tal.
O BNG considera que o RD carece das necesarias medidas de identificación destas malas prácticas e que debería incorporar pautas de vixilancia e control no destino así como garantías de que se leva a cabo unha correcta valorización dos residuos, establecendo sancións para a fraude que supón pasar como valorización o que non é máis un depósito ou soterramento de residuos.
A formación nacionalista defende unha diminución drástica dos vertedoiros, tanto en número como na superficie que ocupan, e que os residuos pasen a ser recuperados e valorizados seguindo os máximos estándares.
Para iso, é imprescindible que a normativa conteña garantías fiables de que os residuos van ser tratados debidamente para evitar que as empresas se aproveiten dos subterfuxios legais dunha normativa estatal moi permisiva.
Un feito que denuncia non só o BNG, pois as trampas na valorización de residuos xa foran recollidas nunha sentenza do Tribunal Europeo de Xustiza, obrigando a distinguir entre operacións de valorización e as meras operacións de depósito do lixo, ademais de traducirse en sancións a España.
O Bloque insta ao Goberno do Estado a ser o suficientemente ambicioso e, en aras de lograr unha verdadeira economía circular, fixar un calendario polo que os residuos cumpran estritamente coa xerarquía de tratamento, e fixar un horizonte no que se prohiba totalmente a súa eliminación mediante incineración.