O BNG vén de concentrarse ás portas da Estación Intermodal de Santiago de Compostela para denunciar a falta de planificación por parte da Xunta de Galiza en materia de mobilidade que está a provocar un caos no transporte público.
O portavoz de Transporte do BNG, Paulo Ríos, lembrou que o pasado venres “había 200 persoas protestando sen poder moverse nos autobuses ou trens, buscando billetes onde non os había e esperando uns reforzos nos autobuses da Xunta de Galiza que nunca chegaron”. Este é un exemplo do que pasa día a día en moitas localidades do noso país, onde quedan persoas tiradas nas paradas por falta de autobuses, ocasionando un problema grave para poder chegar ao traballo ou aos centros educativos.
Paulo Ríos sinalou que hai moitas liñas de transporte que teñen horarios incompatíbeis que non se corresponden coas necesidades dos cidadáns e cidadás que alí viven e que lles resulta imposíbel ir en transporte público, “ben porque se incumpre sistematicamente os horarios, senón que tamén porque non hai prazas suficientes por unha falta total de planificación por parte da Xunta de Galiza”.
Ademais a esta problemática hai que sumarlle os incumprimentos que se están dando nos ferrocarrís. Ríos criticou que logo da “grande explosión” en número de viaxeiros coa bonificación dos traxectos, o goberno do Estado “non está atender os problemas que se están ocasionando nas liñas ferroviarias por culpa dos atrasos e avarías” que están a prexudicar a centos de galegos e galegas.
O deputado nacionalista pediu á Xunta de Galiza que endureza as sancións contra as empresas concesionarias que non cumpran e que garanta que se dean un servizo axeitado. O BNG denunciará todas as veces que sexan necesarias e recordou que ter un servizo público de transporte “é un dereito de todos os cidadáns e cidadás” e critica que o goberno do PP prefire poñer por riba da cidadanía, os intereses das concesionarias.