O BNG denuncia falta de persoal no servizo de extinción con Galiza en risco máximo de incendios polas altas temperaturas

Carme Aira
Carme Aira

Carme Aira critica que hai postos sen cubrir en zonas tan sensíbeis para os lumes como Valdeorras, os Ancares ou o sur das provincias de Lugo e Ourense    

 

 

A deputada do BNG Carme Aira denunciou a falta de persoal que sofren os servizos de extinción de incendios, sobre todo nalgúns dos distritos correspondentes ao territorio galego máis sensíbel aos lumes forestais. “Despois do que ocorreu o ano pasado, o Goberno da Xunta e a Consellería de Medio Rural volven enfrontar esta época de lumes sen previsión de ningún tipo, coa mesma política de persoal, con baixas sen cubrir sobre todo en zonas tan sensíbeis como Valdeorras, os Ancares ou o sur das provincias de Lugo e Ourense”, advertiu.

Aira referiuse, neste sentido, á “flagrante” falta de persoal no distrito XIII (Valdeorras-Trives), onde de oito emisoristas están traballando só dúas persoas, pois hai catro postos sen cubrir por ausencias laborais, un traballador foi trasladado á base do helicóptero e a outro rescíndenlle o contrato. “Quedan dúas persoas para facer o traballo de oito”, resumiu a deputada, que lembra que esta zona atópase agora en situación de risco máximo de incendios debido ás altas temperaturas rexistradas e que o ano pasado sufriu un dos lumes máis devastadores, como máis de 10.500 hectáreas arrasadas.

Algo similar acontece no distrito VII (A Fonsagrada-Ancares), que conta con 4 brigadas, aínda que dúas delas atópanse sen capataces logo de promocionar profesionalmente os que tiñan. “Na práctica, a falta destes profesionais volve ás brigadas inoperativas”, explicou.

Carme Aria, que presentará iniciativas no Parlamento galego para reclamar máis persoal no servizo de extinción de incendios e condicións laborais dignas, lembra que “todos os anos o Pladiga (Plan de Incendios de Galiza) recolle un número de efectivos para combater os lumes que non se atén á verdade”. “Dise que o plan conta con 7.000 efectivos pero como vemos acaban sendo moitísimos menos”, manifestou a deputada nacionalista, quen explica que “moitos dos problemas veñen de situacións administrativas que condicionan as listaxes ou están relacionados cos dereitos laborais e a capacidade de substitución de persoal”.  Porén, “a Xunta sabe e leva anos sabendo que isto podía acontecer e non se tomaron medidas para o ordenamento de persoal”, criticou.

“Non podemos fiar a política de lumes á meteoroloxía, este ano o noso país foi salvándose das altas temperaturas, pero esta semana xa non de modo que o risco de incendio é moi real e unha vez máis o Goberno da Xunta non está a poñer os medios para evitar outro desastre global nas zonas de máximo risco”, engadiu, insistindo na “falta de dilixencia” da Consellería de Medio Rural respecto á política de persoal e no risco que isto supón tanto para as persoas como para o territorio. “Xa temos altas temperaturas e fortes ventos e a Consellería parece que o único que pode facer é pedir que chova e cruzar os dedos”, agregou. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG