O Bloque Nacionalista Galego, tras un encontro mantido no Instituto Español de Oceanografía (IEO), demanda un incremento dos recursos destinados a investigación mariña, ante o desleixo amosado pola Xunta e o Goberno español. En particular, as nacionalistas destacaron a ausencia de investimentos nos denominados fondos Next Generation que aposten por un eixo con tanta relevancia para Galiza.
Unha delegación da fronte, formada pola portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, a deputada no Parlamento galego Carmela González e o concelleiro en Vigo, Xabier P. Igrexas, constatou estas necesidades tras reunirse no Instituto Español de Oceanografía (IEO) co seu director, Pablo Carrera, e o investigador Jesús Gago, especializado no impacto dos plásticos no mar.
“Cremos que son necesarios orzamentos maiores para estes centros de referencia, en especial nun sector tan importante para Galiza e particularmente para Vigo, polo impacto socioeconómico que ten a investigación e a ciencia na pesca e na protección do medio mariño”, destacou Miranda, que trasladou o compromiso das nacionalistas para esixir fronte ás distintas administracións un aumento dos recursos.
Desde o BNG lamentaron que para a Xunta estes proxectos de investigación mariña non estean na primeira liña das súas políticas, malia o potencial que teñen a nivel científico e industrial, como demostra o nulo interese por destinar fondos Next Generation, tal como teñen demandado na estratexia Galiza Next.
Lexislación fronte o problema dos plásticos no mar
Outro dos puntos tratados no encontro estivo centrado nas pioneiras investigacións da IEO sobre os plásticos nos entornos mariños. Os representantes do organismo fixeron un chamamento a tomar medidas lexislativas contundentes para atallar este problema, como paso principal, así como unha maior conciencia individual ao respecto. Ademais, pediron apostar pola potencialidade dos sectores relacionados co mar na Galiza, para encontrar solucións tecnolóxicas a moitos destes retos, fundamentais para o futuro mariño.
Por outro lado, a delegación da fronte nacionalista comprobou a necesidade de reforzar os investimentos na sede do IEO en Vigo, tanto para a mellora das infraestruturas como a ampliación do persoal, co fin de reforzar a capacidade deste polo mar-investigación-industria. Nese sentido, anunciaron que estudarán posíbeis emendas aos Orzamentos Xerais do Estado para incrementar estas partidas, así como trasladar as demandas dotacionais a nivel municipal, para que desde o Concello de Vigo se faciliten os trámites necesarios para modernizar as instalacións.