O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado complete os datos que se omiten na avaliación ambiental do proxecto de rexeneración do complexo duna-marisma da praia Grande de Miño para poder valorar de forma adecuada as posíbeis consecuencias desta obra, tanto para o medio mariño como para os sectores produtivos da zona. A organización nacionalista quere coñecer a zona concreta de extracción da area, así como a superficie e volume de area a retirar. Ademais tamén reclama coñecer o calendario previsto para o comezo e remate das obras.
A comezos de marzo o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico someteu a información pública o proxecto “Rexeneración do complexo duna-marisma da praia Grande” situada no Concello de Miño. Neste documento, non se especifica cal será a zona exacta da que retirará a area e tampouco aparece reflectida información sobre a superficie que vai ser afectada, ou o volume total de extracción. Tampouco se di como se realizará o transporte da area ata a duna sen causar danos ao conxunto do ecosistema que se pretende recuperar.
Así mesmo, no citado proxecto afírmase que unha parte dos áridos a empregar serán préstamos doutras zonas e o resto será area retirada na praia, pero sen que se informe sobre os volumes totais, nin a porcentaxe que deberá cubrir do total cada unha desas achegas.
“Este proxecto aparece incompleto, e non permite a correcta valoración dos efectos que a extracción de area terá sobre a Marisma do Baxoi e nos baixos mariños da zona da praia Grande de Miño” explica o deputado nacionalista. O BNG considera que non é posíbel valorar o impacto ambiental do proxecto de rexeneración se “se descoñecen os datos concretos da area para retirar e das canles que se propoñen abrir para facilitar a rexeneración da marisma” no antigo campo de fútbol e na zona próxima á actual desembocadura do Baxoi.
A frente nacionalista demanda, neste sentido, incorporar os datos necesarios para a avaliación ambiental que se omiten no proxecto, así como coñecer “cal será a zona concreta de extracción da area, a superficie e volume de area a retirar, que métodos de retirada e de transporte utilizaranse e en que época se pretenden realizar as obras”.
“A retirada de area terá un importante impacto ambiental sobre o medio mariño da zona, moi escasamente contemplado no proxecto, tanto na fauna como na flora, aspectos que apenas se contemplan na proposta presentada” destaca o deputado do BNG. Así mesmo, debe terse en conta que nesa mesma zona de actuación existe un banco marisqueiro da Confraría de Miño, que se vería afectado, con importantes consecuencias económicas para as mariscadoras e mariscadores da zona, sobre todo se a actuación leva a cabo no inverno, información que tampouco se facilita no proxecto.
“Resulta imprescindíbel que o MITECO concrete a información que se omitiu no proxecto presentado. Con eses datos poderá o Ministerio valorar dunha maneira máis adecuada as posíbeis consecuencias sobre o medio mariño e os sectores produtivos da zona, para incorporalos e mellorar ou corrixir o proxecto definitivo” reivindica o deputado do BNG.
Por último, Rego lembra que o Ministerio recibiu alegacións durante o prazo de exposición que se deberían ter en conta. Quere coñecer sobre que aspectos versaban estas alegacións e reforza a idea de consideralas e valoralas para a súa inclusión no proxecto definitivo co obxectivo de melloralo.