O BNG emprazou á CRTVG e, en concreto, ao seu director xeral, a cumprir a lei, o mandato marco da CRTVG, a aprobación do Estatuto Profesional das traballadoras e traballadores, o Contrato Programa e un Plan de Igualdade propio. Ademais, denunciou a desatención dos medios públicos galegos á manifestación “Por unha CRTVG ao servizo do Pobo” convocada o pasado 6 de novembro en Santiago de Compostela.
A portavoz para a CRTVG, María González Albert, criticou que “Galiza ten unha CRTVG dirixida a dedo, denunciada por acoso laboral e sen perspectiva de xénero”, na que é preciso “un rescate e unha vontade explícita de defender os valores dunsn medios públicos plurais para todas e todos”. Neste sentido, Albert entrou dentro dos contidos ofrecidos pola radio e pola televisión públicas, dos que fixo notar a “falta de espazo” da música feita en Galiza e o papel “dunha televisión que programa cinema galego en horarios nos que non ve ninguén”, recriminou.
“A CRTVG naceu para servir á Galiza, non ao Partido Popular”, continuou a deputada do BNG, dirixíndose ao director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, ao que reprobou a “ocultación” no Telexornal da manifestación a prol duns medios públicos democráticos e plurais. “Algo que vai máis aló da mera reivindicación laboral”, argumentou, “esta mobilización foi convocada polo comité intercentros da CRTVG, pola oposición ao goberno deste País, por organizacións sindicais, ambientalistas, culturais, feministas... Un amplísimo abano da sociedade galega. E vostede di que todos estes colectivos só están a pensar nas eleccións municipais?”, recriminou.
A escaleta do Telexornal, engadiu Albert, escolleu principiar un atropelo múltiple en Madrid “antes dunha manifestación en Galiza en defensa dos medios públicos. Reclamamos uns medios públicos centrados no que ocorre aquí”, enfatizou, xa que a información apareceu no informativo en forma de cola, sen o formato nin o protagonismo dunha nova.
Unha programación de calidade, próxima, igualitaria e atenta á produción propia
A parlamentaria nacionalista emprazou ao director xeral da CRTVG a retomar as conexións locais, a información de proximidade e a reserva dunha parte da grella á programación infantil, xunto coa aprobación dun Plan de Igualdade propio da Corporación que corrixa “a imaxe que a CRTVG está a reproducir sobre as mulleres”, en relación coa campaña de promoción dun produto audiovisual propio onde nun anuncio da propia CRTVG enxalzábanse comportamentos machistas.
“O novo mantra do director xeral para non atender estas demandas e que é necesaria unha nova lei. Vostede está poñendo calquera escusa para non cumprir a lei. Pode dar unha data para cumprir o estatuto profesional, e para o Contrato Programa?”, demandou Albert. Preguntas fronte as cales o director xeral da CRTVG negou posicionarse.