O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, realizará na vindeira sesión de control ao Goberno unha pregunta á Vicepresidenta Primeira e Ministra de Facenda para defender un sistema de financiamento xusto para a Galiza. No concreto, Rego reclamará a Montero soberanía fiscal e un concerto económico que dea aos galegos e galegas a chave dos seus cartos e un maior autogoberno para ter capacidade normativa e de recadación. O Bloque Nacionalista Galego entende que o actual sistema de financiamento discrimina gravemente a Galiza.
A vindeira cuarta feira, 18 de setembro, durante a sesión de control ao Goberno do Estado no Congreso, Néstor Rego formulará unha pregunta á Vicepresidenta Primeira e Ministra de Facenda sobre se “o executivo está en disposición de acordar un sistema de financiamento xusto para a Galiza, que recoñeza a súa singularidade e acabe coa discriminación que implica o modelo actual”.
“Un sistema de financiamento específico que teña en conta as nosas necesidades e que permita acabar co espolio fiscal ao que vén sendo sometido o noso País desde hai décadas” explica o deputado do BNG. De facto, salienta Rego, son os datos os que acreditan isto, por exemplo na liquidación de 2021 a diferenza entre o que os galegos e galegas pagaron en impostos e o que o Estado devolveu foi de 5 082 millóns de euros. “Unha cantidade astronómica tendo en conta tamén que a Galiza é un País que actualmente está a cola no Estado español en indicadores socioeconómicos e de calidade de vida” enfatiza.
Cun concerto económico para a Galiza, explica o deputado do BNG, mesmo tendo que pagar unha parte deses recursos para os chamados servizos comúns -como acontece no País Vasco- poderíanse incrementar en recursos a Administración Galega entre tres mil e catro mil millóns de euros. “Recursos que poderían ir a mellorar servizos públicos esenciais como sanidade, educación, atención á dependencia ou a desenvolver políticas públicas en ámbitos como o emprego ou a vivenda” afirma.
“É evidente que a Galiza non pode permitir o luxo de seguir perdendo ese diñeiro, necesitámolos e ademais é de xustiza porque son dos galegos e galegas” sinala. O BNG ve necesario “dar ao noso País a capacidade normativa e de recadación, así como pór en marcha unha negociación bilateral co Estado para acordar que parte se destina a servizos comúns”. Un modelo, finaliza Néstor Rego, co que o conxunto dos galegos e galegas “sairíamos gañando”.