O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas para o seu debate na cámara baixa que reclaman un mellor tratamento de Galiza dentro da PAC e que se respecte o modelo produtivo tradicional galego frente as grandes explotacións en intensivo. A formación nacionalista procura estabelecer mudar os novos criterios propostos polo Ministerio para o reparto da Política Agraria Común e recuperar instrumentos públicos e eficaces que contribúan a unha mellor regulación dos mercados agrarios.
Ante a proposta sobre a nova PAC presentada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o BNG rexistra iniciativas no Congreso polo grave prexuízo que suporía para todas as persoas que traballan no sector agrario na Galiza. O proxecto incorpora máis exixencias, burocracia e custes para os gandeiros e mantén todas as cuestións consideradas inxustas da PAC actual.
“Propomos modificar os datos da proposta sobre a delimitación, as superficies e os importes da axuda básica nas novas rexións da PAC para adecualas á realidade e evitar a discriminación que sofre Galiza” explica o deputado nacionalista. Así mesmo, propón incorporar a proposta para que a contía de axuda básica por hectárea nas diferentes rexións atendendo as diferentes realidades no plano agronómico e socioeconómico. “Hai que regularizar o déficit da superficie admisíbel con dereitos que ten Galiza a respecto da media estatal” engade o deputado.
Para Rego, tamén é necesario adecuar os requisitos para ser considerado como “agricultor xenuíno” e exixir que unha porcentaxe significativa dos ingresos proveña da actividade agraria e incluír o traballador por conta propia no réxime agrario tamén.
Por outra banda, a organización frentista propón aplicar nas axudas por explotación e a degresividade as máximas porcentaxes de redución aos maiores perceptores que permita o regulamento europeo sen que se deduzan os custes laborais “coa única excepción das explotacións asociativas nin tampouco cos pagos a empresas externas”. “Hai que corrixir a proposta para que o destino dos fondos derivados do capping e a degresividade se aplique a nivel estatal e non dentro de cada rexión PAC.
Para a formación nacionalista é preciso, tamén, introducir novos ecoesquemas e modificar os que xa se formularon “co obxectivo de responder á realidade galega”. Así mesmo, introducir de maneira transversal a aplicación dun complemento vinculado á prevención de lumes, a extensión do complemento para superficies Rede Natura, etc.
“É preciso introducir criterios de reparto que beneficien ás pequenas e medianas explotación, na súa maioría dirixidas por mulleres” introduce Rego. Desta maneira, conseguiríase apoiar o incremento da renda feminina no campo que continúa estando moi por debaixo da masculina. Frente a grandes explotacións en intensivo, que adoitan ser dirixidas por homes, as pequenas e medianas explotacións “son moito máis sostíbeis e integradas”.