Senado

BNG defende incrementar as unidades xudiciais na Galiza

Carme da Silva
Carme da Silva

Co obxectivo de atender a elevada carga de asuntos, o BNG pide ao Ministerio de Xustiza e á Xunta -cada un dentro do seu ámbito- solucionar estas deficiencias

“Ten solicitado a Xunta de Galiza a creación de novos órganos xudiciais? É coñecedor o Ministerio do enorme incremento de casos pendentes que están a experimentar os Xulgados e Tribunais da Galiza?” pregunta Carme da Silva

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para solicitar a colaboración do Goberno do Estado, xunto coa Xunta de Galiza, para incrementar o número de unidades xudiciais na Galiza. A senadora do BNG, Carme da Silva,  entende que as dúas administracións deben atender a estas necesidades e dar solución ás mencionadas deficiencias: incrementar os órganos xurisdicionais ou mellorar a dotación de persoal que permita atender as súas función e rebaixar a elevada carga de traballo.

“A Administración de Xustiza na Galiza atópase, a día de hoxe, nun importante retroceso e degradación debido á elevada carga de traballo que as unidades xudiciais teñen que asumir” avanza a senadora do BNG. De facto, segundo os datos fornecidos no último informe do Consello Xeral do Poder Xudicial, o exercicio de 2023 pechou con máis de 196.200 asuntos en tramitación e o número de asuntos pendentes é o máis elevado da historia recente.

Isto provoca, explica Carme da Silva, unha sobrecarga de traballo “inasumíbel para o persoal técnico, funcionario e profesionais” que, nalgúns casos, mesmo “necesitarían un ano enteiro de paralización dun xulgado para poder poñelo ao día”. Fronte a esta situación, a organización nacionalista demanda o compromiso do Goberno e, no concreto, do Ministerio de Xustiza para poder solucionar as graves deficiencias: incrementando os órganos xurisdicionais e o persoal.

“Cremos que tanto o Ministerio de Xustiza e como a Xunta, cada un dentro do seu ámbito competencial, deberían atender estas necesidades e dar solución ás mencionadas deficiencias” enfatiza a senadora do BNG. Neste sentido, Carme da Silva quere coñecer se a Xunta de Galiza ten rexistrado a creación de novos órganos xudiciais aínda que prevé que, tal e como aconteceu coa solicitude para a creación de novos xulgados de violencia machista, o goberno galego aínda non os solicitara.

Paralelamente, a frente nacionalista demanda a dotación de máis persoal para atender adecuadamente as súas funcións e poder rebaixar a elevada carga de traballo. “O número de xulgados operativos e o persoal actual non dan feito fronte á carga de traballo porque a litixiosidade aumenta cada ano” sentenza Carme da Silva.

Máis alá das cidades: os órganos xudiciais nas vilas da Galiza

Desde o ámbito xudicial da Galiza, ademais de defender a creación de novos órganos, están especialmente preocupados coa situación que atravesan os xulgados do civil en que o número de asuntos civís en tramitación supera por vez primeira os 100 000, cifra que duplica os asuntos pendentes, por exemplo, no ano 2009 con 64 000 casos.

Así mesmo, trátase dun problema que non só afecta a todas as cidades galegas senón tamén aos Xulgados situados nos partidos xudiciais das vilas como son o de Viveiro, Sarria ou Carballo.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG