BNG cualifica as contas 2020 da CRTVG como un novo “día da marmota” que evidencia o nulo interese por mudar de rumbo

María Albert
María Albert
Esixe explicacións á compañía pola denuncia dun traballador por acoso debido á súa orientación sexual, o que considera un feito “gravísimo”

BNG concluíu que o informe das contas anuais da CRTVG presentado no Parlamento galego polo director da compañía o que ofrecen é un novo “día da marmota”, cun orzamento de 111,2 millóns tan só dous millóns máis que en 2019 e unhas cifras “acomodaticias” que repiten o esquema de anos anteriores e que non reflicten ningún interese por mudar o rumbo dos medios públicos galegos.  

Así o manifestou a deputada nacionalista María Albert logo da exposición do director da CRTVG, ao que se lle afeou que “non se trata de cuestións técnicas, senón do fondo político e da función de servizo público que teñen a obriga de cumprir os medios de comunicación públicos e que, ao noso modo de ver, en moitísimas ocasións non se cumpren”.

Albert incidiu na dependencia económica “absoluta” da Xunta, cuns ingresos publicitarios en caída continua, tal e como demostran os datos referidos aos últimos catro exercicios, o que deriva en manipulación informativa; na aposta pola produción allea, incluída a denominada “produción propia allea” e nun superávit de preto de dous millóns de euros que non se usan, por exemplo, para programar a volta das desconexións territoriais para achegar información de proximidade consubstancial ao servizo público esencial de comunicación audiovisual en Galiza”.

“Non usan o superavit para recuperar programas senlleiros como O Agro, nin para principiar a creación da canle Xabarín, nin mellorar o uso do galego, nin para avanzar na independencia informativa, nin para cumprir a lei”, reprochou con severidade para enumerar a continuación algúns dos graves problemas que padece a CRTVG, entre os que citou o incumprimento da súa función de servizo público, a conflitividade laboral, con mías de tres anos do movemento “Defende a galega”, o deterioro da súa imaxe pública e do seu compromiso coa loita contra a violencia machista, a ausencia de contrato-programa ou o desleixo no uso da lingua e o abuso o español.

Denuncia de acoso por orientación sexual: vulneración de dereitos fundamentais

Na comisión parlamentaria de control sobre da CRTVG, o BNG tamén preguntou ao director da compañía pola demanda por acoso presentada por un traballador dende hai anos pola súa “actividade sindical, política e, de forma especial, pola súa orientación sexual, por ser homosexual”.

“Estamos falando de algo gravísimo porque suporía, de ser certo, a violación de dereitos fundamentais”, advertiu a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, para a continuación subliñar que esta denuncia se produce no marco do movemento contra a LGBTfobia que protagoniza a sociedade galega a raíz do terrible asasinato de Samuel Luiz na Coruña.

Logo de salientar os avances nas últimas décadas no recoñecemento e na garantía de dereitos fundamentais das persoas LGBT, pero tamén a persistencia de “desigualdade, discriminación e violencia”, Rodil apelou á enorme responsabilidade dos medios de comunicación á hora de “visibilizar, sensibilizar fronte á violencia, pero tamén á hora de transmitir e promover coa súa programación, contidos e enfoques con valores de tolerancia e respecto á diversidade”.

“Pero a CRTVG é tamén unha empresa e ten a responsabilidade tamén na prevención, formación, identificación e intervención en caso de acoso ou discriminación por razón de orientación sexual ou identidade de xénero”, recalcou, para a continuación exixir ao director da compañía explicacións por este caso e a concreción dos mecanismos e procedementos que ten implantados a CRTVG para cumprir coa súa responsabilidade empresarial.  

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG