A portavoz de política social do BNG, Montse Prado rexistrou diversas iniciativas para reformular o Proxecto de decreto relativo á tramitación da RISGA. Para a deputada, a axuda para inclusión social debe estar garantida e informada porque é un dereito cidadá e non un subsidio condicionado e ten que ser “digna, suficiente, accesible, eficaz, efectiva e sostible”. Ademais, tamén reclama ampliar o prazo de exposición pública do Proxecto de decreto de desenvolvemento da Lei 10/2013 do 27 de novembro, de inclusión social de Galiza, como mínimo “até o 30 de setembro e recoller as achegas aportadas polos dos diferentes colectivos que traballan neste ámbito”.
INTERESE DO PP NO RELEVO ELECTORAL NA CONSELLERÍA
Para a deputada, a Xunta ven de presentar con “nocturnidade e aleivosía” en pleno mes de agosto o proxecto de tramitación da RISGA e con tan só 15 días para a presentación de alegacións. Prado afirma que non existe “ningunha xustificación” para someter a exposición pública o decreto no mes de agosto tras catro anos de retraso. Na súa opinión, o proceder do Partido popular evidencia que quere evitar o coñecemento deste prazo de exposición pública para impedir a presentación de emendas ou suxestións por parte da cidadanía, colectivos, entidades e profesionais que traballan no terreo da pobreza e a exclusión así como a “nula vontade” para acadar un acordo e consenso cos distintos axentes. Por outra parte, manifesta a nacionalista, “ o Parido popular prima a súa axenda electoral co relevo na Consellaría, diante dos intereses de miles de persoas potenciais beneficiais destas axudas”.
O BNG defenderá no Parlamento reformular o proxecto por considerar que o complemento de aluguer é insuficiente, o acceso a unha soa RISGA por domicilio cando hai sentencias xudiciais que non avalan este requisito, e sobre todo, porque é un proxecto que “non cumpre as expectativas das persoas ás que debe ir destinado”.
O BNG, demanda da consellería de Política social a ampliación do prazo de exposición pública do proxecto, como mínimo ata o 30 de setembro, responder a todas as alegacións presentadas ao borrador do decreto, abrir a participación dos colectivos para a elaboración do decreto e incorporar as propostas para unha “RISGA de garantía e informada, accesible, eficaz e sobre todo, digna e respectuosa coas persoas beneficiarias”.